O pracer de escribir

A imaxe dunha persoa debruzada sobre a mesa escribindo con semblante nostálxico unha tarxeta postal converteuse nunha icona do viaxeiro. O costume foi adoptado tamén polo turista, unha versión ben menos romántica deste, máis acorde no entanto cos hábitos de lecer dos tempos modernos. Alén da función epistolar, concentrada neste caso na vivencia da viaxe, as postais son un testemuño do desprazamento, satisfán as curiosidades xeográficas e mesmo filatélicas dos que as reciben, e son quen de espertar en moitas persoas verdadeiros desexos de coleccionismo.

 

A procura dun recuncho de sosego para sentar a escribir unha postal sempre me pareceu un dos momentos máis pracenteiros da viaxe. Nel vin unha particular maxia capaz de convocar a un tempo a persoa destinataria das nosas palabras e as imaxes novas que acabamos de imprimir na retina. Escribirlle a unha persoa é pensar nela, traela onda nós, facela partícipe dunha miga —aquela que nós decidimos— da aventura que estamos a vivir e, dese xeito, reafirmala e revivila a canda ela. Unha postal escrita é polo tanto un xogo de distancias, unha particular articulación da proximidade e o afastamento que contradí por uns instantes a dinámica da viaxe e crava na xeografía descoñecida chantos de intimidade e de afectos.

 

Hoxe en día apenas se escriben postais, como tampouco cartas, fóra da tediosa correspondencia comercial. A estampa da man esvarando polo dorso da tarxeta foi substituída por outras protagonizadas polas novas tecnoloxías, como a dun dedo polgar compoñendo con axilidade un sms en calquera lugar e situación, ou a dunhas mans deslizándose polo teclado dun ordenador na mesa dun café ou nas cadeiras da porta de embarque dun aeroporto. Malia seren habituais, estas novas imaxes da escritura non foron quen polo de agora de se converteren en iconas máis alá das campañas publicitarias das compañías que fan posíbel a transmisión de datos.

 

Quedan aínda moitos nostálxicos da palabra escrita á man nas postais e nas cartas e quedan tamén moitas lagoas na infraestrutura das telecomunicacións que entorpecen a popularización do emprego das novas tecnoloxías. Hai quen mira con escepticismo e desconfianza estes novos hábitos, e mesmo quen os sinala como culpábeis dunha deturpación da ortografía e a gramática da lingua á que nalgúns casos —o dos sms na xente máis nova— talvez contribuísen. Non obstante, o correo electrónico e as mensaxes de móbil revitalizaron un costume case esquecido, o das cartas e as tarxetas postais, trazaron axilísimas canles de comunicación noutrora inimaxinábeis e, sobre todo, recuperaron unha ilusión perdida: a do pracer de escribir, de traer onda nós a persoa recordada e destruír con palabras as distancias.

Comentarios