El peitoque y otras historias

Peitoque
photo_camera Peitoque

A XXXII Edición do Festival de Pardiñas é a XVIII da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional  é o escenario elixido polo investigador e artesán Sito Carracedo  para presentarlle ao mundo o últimoproxecto saído do seu obradoiro de Pardiñas, o peitoque, unha evolución das castañolas que, aínda que se toca coas mans, se afasta dos dedos para pendurarse do pescozo, coma se dun colgante se tratase.

O peitoque, un xogo de palabras con peito e toque que resume a esencia deste instrumento, son dúas pezas circulares de madeira suxeitas por unha goma que regula a tensión. Levan unha caixa de resonancia e soan ao bater unha coa outra e co peito, ofrecendo a posibilidade de sacar diferentes matices no son. É unha nova castañola, redonda e que pode ir decorada ao gusto do consumidor, o que incide tamén no seu prezo final, dende os 50 euros que custaría unha peza básica ata o que o cliente queira gastar na decoración: elaboradas tallas, incrustacións en prata... 

O tipo de madeira tamén é opcionale mesmo se podería combinar:  buxo, cerdeira, palo rojo, ébano, granadillo, quebracho ou teixo, «que quizais sexa o que mellor soa, sen desprezar ó buxo», apunta Sito, quen tamén precisa que a elección dunha ou doutra condiciona o son.  Este novo instrumento de percusiónxa patentado, no que Carracedo traballa dende hai dous  anos, viu a luz no Festival de Ortigueira, aínda que será Pardiñas, a súa casa, onde se vista de largo e siga a estela dos pitos, outro dos intrumentos desenvolvidos por  Sito Carracedo e que foi presentado oficialmente na pasada edición do festival guitiricense.

Tanto os pitos coma o peitoque forman parte dunha investigación iniciada hai xa unha década ao redor das castañolas como elemento de percusión, co obxectivo de poder tocalas con máis instrumentos. «As castañolas vense como algo tradicional e coñecido, pero neste mundo hai moito estudo e moita física na consecución do  son», precisa Sito, quen apunta tamén que o seu non é un traballo en solitario, senón que involucra a moitos amigos e colaboradores.

Así, Carracedo cita aos percusionistas  Roi Adrio, de Quempallou, encargado das probas e de elaborar os vídeos, e Rubem Dantas, quen foi percusionista de Paco de Lucía; Rami, do taller Patapum de Covas, no concello de Quiroga, responsable da traballosa e chamativa decoración dos pitos; ou Óscar, que foi quen de darlle forma a unha máquina para poder traballar internamente a acústica dos pitos; sen esquecer a Maruxa, a Belén, a Pedro... que achegan o seu bo facer para levar este proxecto a bo porto. 

Sito comezou elaborando pitos só de madeira pero co tempo pasou a usar tamén materiais sintéticos debido principalmente á importante  redución de custes que isto implica. Un xogo de pitos de madeira ten un prezo de cen euros, mentres que os sintéticos custan  25, «un prezo moito máis asequible para quen se está iniciando», sinala Sito. 

Hoxe, os pitos de Carracedo están xa espallados por Europa e os Estados Unidos e contan con videos didácticos sobre o xeito de tocalos e con manuais de uso en cinco idiomas —galego, español, alemán, inglés e francés—,  á espera de editar un tamén en braille, unha senda que o seu promotor agarda que poida seguir o seu novo invento: o peitoque. De momento, vai por bo camiño e xa se  internacionalizou, viaxando ata Inglaterra ou Irlanda.

O peitoque é a penúltima peza dunha longa lista de traballos de investigación de Sito Carracedo, quen comezaou a finais da década dos 70 a facer gaitas, primeiro a galega, e logo aquelas que lle supuxeron un desafío, coma a irlandesa, «a máis complexa de todas», a Sackfeife alemá, desaparecida hai máis dun século e recuperada a partir de escritos e ilustracións antigas, ou a bock checa, que tocaban os alemáns da zona sueva por proximidadade á República Checa, ao ter a súa perdida.

E aínda que agora di atoparse nunha pausa no que a fabricación de gaitas se refire, deixa tras si unha boa contribución aos mundos gaiteiros, tanto polas ducias e ducias de gaitas saídas do seu taller de Pardiñas como polo seu libro sobre a afinación ‘Palleta maldita’, ou polo deseño de dous elementos innovadores, o higrotapón e o termo-higrómetro. Do seu traballo pódese atopar información na páxina web www. sitocarracedo.com, á que proximamente se lle unirá unha tenda virtual, www.carracedo.tk

Comentarios