Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

O Pazo de Meirás centraliza os discursos do Día da Galiza Mártir

Homenaxe a Alexandre Bóveda en A Caeira (Poio)
Homenaxe a Alexandre Bóveda en A Caeira (Poio)
O BNG pide en Poio, na homenaxe a Alexandre Bóveda, que a propiedade dos Franco sexa devolta ao pobo ► En Marea reclama o fin da "inmunidade" do franquismo

O monumento en memoria de Alexandre Bóveda situado na Caeira foi este xoves o centro do homenaxe anual en lembranza do político galeguista fusilado a comezos da Guerra Civil e de todas as vítimas da represión franquista durante o conflito armado e a posterior ditadura. Neste sentido, a polémica sobre o Pazo de Meirás cobrou unha gran relevancia no discurso político e o BNG reclamou a súa devolución "ao pobo".

O Día da Galiza Mártir contou cun acto institucional ás 13.00 horas na Caeira ó que acudiron representantes dos principais grupos políticos e que contou coa participación do presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, e a filla de Bóveda, Amalia, entre outros.

PONTÓN. Nese contexto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "morneza" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coa Fundación Franco que, segundo denunciou, pretende converter o Pazo de Meirás nun "parque temático do fascismo". 

"Non é permitible, non é soportable ver como o Pazo de Meirás se quere converter nun parque temático franquista e iso faise coa conivencia das institucións neste caso democráticas", denunciou a líder do Bloque.

Por iso, considerou que a familia e a Fundación Francisco Franco deben ser "declaradas non gratas en Galicia". "Deben iniciarse os trámites para que se devolva o Pazo de Meirás ao pobo e deben porse en marcha todas as medidas para ilegalizar a Fundación Francisco Franco", subliñou. 

Neste escenario, a líder do Bloque destacou que Bóveda é unha "referencia" para todos os nacionalistas xa que "xogou un papel fundamental na articulación do Partido Galeguista" e, especialmente, "nos estudos económicos sobre a viabilidade de Galicia e a necesidade de contar cunha facenda propia para administrar os recursos". 

"Foi ese compromiso con Galicia o que levou a que fose asasinado neste lugar", manifestou desde A Caeira Ana Pontón, que asegurou que con esta homenaxe, o BNG busca lembrar "a todas as persoas que sufriron a represión franquista" en Galicia.

VILLARES. Pola súa banda, e desde Pontevedra, o portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu o fin da "impunidade" e dos "privilexios" da época do franquismo que, segundo denunciou, aínda gozan familias como a de Francisco Franco, que obtivo o Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), como "rapiña de guerra". 

"Cremos que a recuperación da memoria histórica significa tamén a devolución e o fin dos privilexios de todos aqueles que se beneficiaron á conta do sangue e o sufrimento dos demais", manifestou durante o acto celebrado en Pontevedra en homenaxe a Alexandre Bóveda.

O Pazo de Meirás centraliza os discursos do Día da Galiza Mártir
Comentarios