domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

O paxaro de chapapote

LEMBRO gastar naquela tempada un par de zapatos enteiriño. A culpa non fora unicamente das molladuras que impuña a invernía, senón das moitas horas transcorridas a pé de rúa nas numerosas e multitudinarias mobilizacións contra a mal chamada «guerra de Irak». Recordo como puntualmente unha poboación diversísima xuntaba as súas voces e de cando en vez tamén o seu silencio, para pedir que non se levase a cabo a invasión dun país botando man de pretextos que aínda hoxe non foron probados. O camiñar acompasado dos manifestantes non lle resultaba alleo a unhas rúas polas que xa transitaran, non había moito, multitudes horrorizadas pola xestión da catástrofe do Prestige, alén de persoas afectadas por outros conflitos, como o ocasionado pola elaboración da Lei Orgánica de Universidades (Lou) sen o consenso dos colectivos implicados. Nunha das últimas mobilizacións que coreaban, xa sen moita esperanza, o «Non á guerra» pouco antes da anunciada invasión, lembro unha imaxe que hoxe en día se me revela metafórica. Era a dun paxaro manchado de chapapote, de ás articuladas e grandes dimensións, que percorrera as rúas nos días do Nunca Máis. O aletexo canso da ave polo chan empedrado de Compostela nunha tardiña de sábado regresou en moitas ocasións á miña memoria como signo dunha derrota (máis) anunciada. A amonestación verbal dun membro das forzas de seguridade ao seu portador cando este regresaba para a casa, advertíndoo de que non podía ir movendo as ás do paxaro pola vía pública, quedoume tamén no recordo como signo dun tempo de pesimismo e opresión.

Tales lembranzas veñen hoxe á miña mente a propósito do conflito en Siria e os reiterados anuncios dunha intervención militar. Ao coñecer das baterías argumentais coas que se bombardea a opinión pública resulta inevitábel non pensar noutros conflitos. A frialdade coa que se manexan os datos sobre capacidade bélica -xustificada na retórica ao uso en termos de ‘seguridade’- resulta tan arrepiante como calquera outra planificación dun masacre. Tamén o son os datos que día a día se dan a coñecer sobre a situación humanitaria en Siria, descrita xa en termos de catástrofe, e, sobre todo, aqueles datos que non se dan a coñecer e que resulta imposíbel, a estas alturas da película -a película negra da Historia-, non sospeitar. Ante semellante escenario, e co pano de fondo dunha Galicia que arde, cabe preguntarse que enfermidade incurábel padece a sociedade para deglutir semellantes titulares ao tempo que a cervexa na praia ou o xelado de chocolate. Cabe preguntarse tamén onde quedaron soterrados os ecos das voces das rúas que noutrora mostraron, co armamento que tiñan, a sua oposición, e recordar a imaxe do paxaro de chapapote movendo lentamente o pesadume das súas ás.

O paxaro de chapapote
Comentarios