viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

"O patrimonio que non se coñece non se coida e se non se coida, termina por desaparecer"

Saleta López, en Regina Viarum, onde traballou como guía
Saleta López, en Regina Viarum, onde traballou como guía
Como traballo de fin de grao Saleta López Vázquez investigou o patrimonio material e inmaterial da parroquia de Cadeiras (Sober) e daquela entrou en contacto coa importancia dos retablos do municipio. Gardou a idea e agora aproveitou para profundizar nese tema no traballo de fin de máster

Saleta López Vázquez cursou un grao en Historia da Arte e fixo un máster de Xestión do Patrimonio. Tanto no seu traballo de fin de grao coma no de fin de máster escolleu temas relacionados co municipio de Sober, no que naceu. No do máster investigou os retablos barrocos do concello e sobre iso falará esta tarde ás 19.00 na biblioteca municipal.

Cal é o reto deste traballo?
En parte, serve para tomar conciencia do que hai en cada unha das igrexas de Sober, patrimonio que se está botando a perder. O meu reto era catalogar, estudar e analizar os retablos antes de que desaparezan.

Da por feito que desaparecerán?
Se un non ten clara a importancia do patrimonio que ten, non o coida, e se non o coida, desaparece.

Cal é entón a importancia dos retablos barrocos de Sober?
Teñen valor artístico, anque é certo que noutros sitios coma Monforte pode haber retablos barrocos máis importantes ca os de Sober porque naquela época había máis posibles en Monforte. Pero por riba da maior ou menor trascendencia artística, estes retablos son testemuñas do tempo no que se fixeron e permiten descubrir como eran as cousas naquela época a través dos libros de fábrica e doutra documentación.

Algúns dos retablos de Cadeiras e Pinol viñeron do desaparecido convento de San Francisco de Monforte

Que cuestións relevantes atopou durante a investigación?

Hai que aclarar que nestes temas nunca temos afirmacións absolutas, pero podemos apuntar varias cousas. Está o caso do retablo central do templo de Cadeiras e dos laterais do de Pinol, ambos na mesma parroquia. Eses retablos viñeron de Monforte, non se fixeron para o sitio onde están. Por exemplo, o de Cadeiras sabemos certo que foi trasladado dende Monforte na primera metade do século XIX e eu creo que veu do antigo convento de San Francisco que había no campo de San Antonio, por un emblema que aparece no retablo. Tamén hai posibilidades de que do mesmo templo se trasladaran os que se puxeron en Pinol.

Tamén vai falar do Pintor de Castinande, que dá nome ao club de lectura que a invitou a dar a conferencia.
Efectivamente, aínda que o pintor non era o centro do meu traballo do máster si que din con documentos que fan mención á súa obra. Por exemplo, Bernardo de Castinande, o primeiro da saga, realizou obras para a igrexa de Anllo San Esteban. Foi o seu fillo Juan o que realizou a cruz de madeira dese mesmo templo e o que exercía de mestre do taller que a familia tiña en Monforte no 1814, no que tamén traballaban os seus irmáns Manuel e Pedro e José Casanova Cortiñas. Manuel, por exemplo, foi o encargado de facer o retablo de Vilachá de Salvadur, en Brollón, e cando morreu a súa obra acabouna Casanova Cortiñas. A Casanova encargáronlle tamén o retablo policromado da igrexa de Amandi, feito no 1882. Tamén se lle atribúe aos Castinande o retablo de Anllo, pero eu creo que o que eles fixeron foi un repintado posterior porque o inicial data de 1777, cando o único Castinande en activo era Bernardo, que era máis ben albanel, non tanto pintor.

Era habitual que nun sitio coma Monforte existise un taller coma o dos Castinande?
É normal se temos en conta que entre os séculos XVII e XVIII en Monforte existían As Clarisas, Santo Domingo, San Francisco, o convento Benedictino e precisábase persoal para que traballase neses templos. Viñan mestres de Lugo, pero o habitual era ter na cidade algún taller á man.

Que lle gustaría que pasase coa súa investigación?
Agora estou dándolle un enfoque máis didáctico e estruturando de novo o traballo. O que me gustaría é que fose publicado para que quedara constancia do patrimonio.

"O patrimonio que non se coñece non se coida e se non se coida,...
Comentarios