O paseo da Vilavella cara As Aceas recibirá máis árbores autóctonas

O Concello destinará 20.000 euros a plantar carballos, bidueiros, acivros, cerdeiras e espiños
Leiras libres de eucaliptos nas que se plantarán especies autóctonas
photo_camera Leiras libres de eucaliptos nas que se plantarán especies autóctonas

O Concello de Ribadeo destinará 20.000 euros para plantar carballos, bidueiros, loureiros ou acivros no paseo entre A Vilavella e o múiño de mareas das Aceas. É outro paso máis que deu a coñecer o alcalde dentro do proxecto de substituir os eucaliptos por vexetación autóctona.

Fernando Suárez anunciou que "continuamos no noso empeño de mellorar e poñer en valor o noso patrimonio natural, e queremos afondar na experiencia da mellora ambiental nunha zona moi valorada desde que abrimos ao público". Explicou que "para isto e a través dunha pequena subvención de Conservación da Natureza que conta con fondos europeos para Concellos incluídos na rede Natura, contamos cuns 20.000 euros para continuar substituíndo a vexetación foránea".

Suárez Barcia di que é un paso máis na recuperación da vía verde do ferrocarril á Pontenova



Suárez Barcia dixo que "nesta segunda fase imos continuar a substituír os eucaliptos que quedaron da primeira fase, é dicir desde o sendeiro cara á ría de Ribadeo. Para deseñar esta nova plantación, como fixemos na primeira fase, tomouse como referencia a zona próxima ao muíño de mareas nas Aceas, que milagrosamente preservou no tempo especies autóctonas de xeito natural. E agora nós en toda esa continuación, imos poñer árbores e arbustos, árbores como carballos, bidueiros ou cerdeiras, e arbustos como espiños, loureiros ou acivros".

O alcalde de Ribadeo asegurou que "o que se persegue é que todo camiñante que vaia por esa zona, vaia tendo esa visión magnífica da ría de Ribadeo agora aberta, sen eucaliptos, con vexetación autóctona, transformaremos toda a banda de ribeira do concello que linda coa ría de Ribadeo. É un paso humilde, pero forte para recuperar algún día a vía verde e unir A Pontenova con Ribadeo, polo antigo percorrido do tren mineiro".

Comentarios