O paraíso duns poucos afortunados

Extensos terreos de flora verde serven como fogar para a diversidade de especies que habita nos montes da parroquia muresa de Irixoa. Os xeradores eólicos tamén axudan a conformar unha panorámica inconfundible.

Se vivir na Terra Chá é un luxo, vivir no límite que a separa do mar é indescritible. A serra do Xistral cumpre a función de dividir ambos paraísos e, agochados entre os seus picos, viven uns cantos ditosos que poden gozar cada día das mellores vistas que o verdor da natureza máis salvaxe lles ofrece.

Ese orgullo de pertencer a un enclave que ten tanto por ofrecer lévao por bandeira Natalia Carballal, unha das encargadas de O Porto Gandeiría, quen comenta que "ser de aquí é un privilexio e se non o promocionamos nós, quen o vai facer?", sendo consciente dun mal que arrastra a maioría do rural: o envellecemento e a despoboación que medra a pasos axigantados.

Pola contra, bestas, raposos, xabaríns e unha gran cantidade de especies cinexéticas conviven entre a flora que medra en total liberdade nos montes, tan só freada polos animais que dela se alimentan e polo paso continuo dos traballadores da industria eólica, tan presente no lugar. Os muíños parecen uns máis dentro da paisaxe, formando ringleiras de aspas que dan traballo a numerosos veciños do contorno. "Aumentaron moito dende que eu empecei, fai 18 anos", afirma Fernando Carballido, "daquela só había o parque do Vicedo, en Mañón e na Guriscada", numera un home que ve moi positivamente o auxe das enerxías renovables.

Non hai tanto tempo, as vistas e a vida en Irixoa eran ben distintas. Fructuoso Manuel recorda cando existía o único bar que houbo na parroquia, hai uns 70 anos. Estaba rexentado polos seus pais, "que tamén ían polas festas coa taberna, tiñan ultramarinos e o meu pai incluso traballou como ferreiro", afirma Fructuoso. A súa muller, María Josefa, tamén garda na retina vello tempos nos que "chegou a haber case 50 veciños con vacas. Hoxe somos sete e a cousa vai a menos", lamenta ao comprobar como cada vez son máis os que marchan ás vilas próximas en busca dun futuro mellor.

A pesar das dificultades, calquera que se adentre no máis profundo de Irixoa pode comprobar por si mesmo como é un lugar difícil de esquecer, cun pasado que ninguén chega a coñecer na súa plenitude. A posta en valor de espazos como este, onde se respira o aire máis puro da Chaira, debería ser materia obrigada por parte de todos.

Comentarios