O Papa en Compostela

O PAPA RENUNCIA AO BOATO de Roma, comprométese a entregar todos os bens da Igrexa aos pobres e pide a cambio soamente unha coviña en Santiago. Está disposto a vivir da caridade. Non é Bieito XVI, senón un dos seus antecesores, León XIII, e acontece na ficción da obra de Curros, 'O Divino Sainete'. Ao final do longo poema satírico, Francisco Añón, en diálogo co autor, xa lle anuncia que xamais se cumpren os programas liberais, o que equivale a dicir que o  Papa non responderá á palabra empeñada.

Na realidade, León XIII (1810-1903) asinou a encíclica 'De rerum novarum' ('Das cousas novas'), un texto aínda actual porque denuncia a opresión e posíbel escravitude dos obreiros por parte do capitalismo, demanda salarios xustos e defende o dereito á sindicación. O escritor de Celanova tíñalle simpatía e mesmo escribiu unha nota laudatoria no xornal 'La Prensa' da Habana cando o  Papa morreu.

A Galiza do século XIX dista moito da que Bieito XVI atopará cando aterre en Lavacolla, mais amplas zonas do mundo non. Agora aquí non verá nenos en porranchiño como os que conmovían a Curros, mais a televisión móstranolos a miúdo, comestos das moscas e da propia fame, en moitos lugares do planeta. Tampouco os nosos labregos dormen en monllos de palla como outrora, mais desvélanse nas noites co dilema de seguir ou abandonar a produción dun leite que non cobre custos. Chegará a un país en que a xuventude, máis preparada ca nunca, non atopa traballo, a un país comesto pola lacra do paro e a falta de horizontes. Non sei se alguén llo contará, se lle dirá á cara que todo o gasto que ocasiona é un insulto, como fixo Curros na ficción. Digo á cara, porque doutro xeito xa o fixeron e seguen a facer moitos. Chámanlles —chamarannos— impíos e anticlericais e non é sempre así. Eu diría que cristiáns ou humanos se o berro vai alén da crítica e responde a un compromiso verdadeiro coa causa dos pobres.

Certo que, como cabeza visíbel da Igrexa, o  Papa terá que espallar a súa mensaxe. Poderase estar de acordo con ela ou non, mais é un dereito innegábel. Porén, tamén é innegábel que ten moitos xeitos de facela chegar doutro xeito a todos os recunchos do mundo. Alén dos medios de comunicación de que hoxe dispomos, ten emisarios en todas as parroquias e dioceses coa misión de velaren pola doutrina católica.

Cantas vidas se poderían rescatar das poutas da miseria cos millóns de euros que vai custar a fugaz visita de Bieito XVI? Seica sae cada minuto de permanencia en Compostela por 6.451 euros. Todos os galegos e galegas, crentes ou non, achegaremos parte dos nosos impostos. Non sería mellor destinalos a auxiliar a ese 19% da xente de aquí que vive baixo o limiar da pobreza? Abofé que semella máis xusto e máis cristián.

Comentarios