O pano da censura

CAEU O negro pano da censura sobre a literatura española. Fíxoo paseniño e houbo moitas persoas que non se enteraron. Ao final a operación censora fracasou porque aínda que vivamos nunha democracia de baixa calidade, é democracia ao fin e ao cabo e os bos libros rematan por publicarse sempre, malia que teñan un contido polémico ou mesmo inxurioso dende o punto de vista xurídico. Para os que sigan as novas da cultura non conto nada que non se soubese hai tempo. Aos máis despistados hai que poñelos en antecedentes. Durante todo o 2014 víñase anunciando a saída de ‘El cura y los mandarines’ de Gregorio Morán coma un bombazo, un deses libros que cambia a forma de ver o pasado grazas á súa perspectiva crítica e aos novos detalles revelados. Morán é quizais a persoa máis axeitada para facer unha revisión da cultura do último franquismo e a Transición por tres razóns: coñecemento da época, capacidade desmitificadora e, porque non dicilo, incorrección política.

'El cura y los mandarines', de Gregorio Morán

Pero algo pasou. Chegado setembro comezaron os rumores sobre a retirada da obra, que xa podía mercarse en preventa nalgunhas webs. Estaba literalmente no prelo, pero a editorial Planeta botouse atrás, dicían eses mesmos comentarios que polo medo ás denuncias que provocaría un capítulo concreto, o dedicado á RAE e máis en concreto ao ascenso pola cucaña de Víctor García de la Concha, director na década pasada. Morán confirma a nova nun prólogo acelerado á edición definitiva, publicada pola editorial Akal. O resultado foi o previsíbel: Planeta fixo unha campaña de promoción perfecta para outra editorial e cando exhumei o meu exemplar das mesmas caixas chegadas a Trama -xentileza que teño que agradecer- vinme sorprendido polo feito de que a primeira e a segunda edición chegaban a un tempo ás librarías, algo moi pouco frecuente no eido do ensaio cultural.

Estamos chegando practicamente á metade desta columna e aínda non dixemos nada da obra en si. Morán debuxa a transformación (ou metamorfose?) da cultura tardofranquista na cultura da democracia española dos noventa por medio dunha exhaustiva análise sobre as elites culturais, o proceso de incorporación ás mesmas, a relación destas co poder e as vinculacións entre os seus membros. Para facela elixe unha figura vertebradora que percorre todo o periodo, a do cura citado no título: Jesús Aguirre, sacerdote que aforcou a sotana para casar coa duquesa de Alba, pero que xa antes amosara a súa habilidade para estar preto do sol que máis quentaba, nunha traxectoria que podemos considerar paralela á do seu paisano Jesús Polanco.

O panorama debuxado por Morán é tan desalentador coma poda imaxinar o lector se bota unha ollada ao ermo cultural no que se atopa España -e en particular a España en castelán, xa que curiosamente as linguas periféricas, pese aos seus problemas, aínda conseguen escapar a certos problemas-. Un panorama no que unha clase dominante cultural foi construida a base de filiación política dereitista primeiro e capacidade de disimulo despois, no que os mandaríns aínda teñen moito que ver ou deben moito ao rexime franquista e os seus acolitos, no que intelectuais como Manuel Sacristán foron aplastados soamente por marxistas... (Iso si, os capítulos sobre a atomizada esquerda marxista son do máis árido da obra).

Trátase dun ensaio longo e prolixo. Quizais falte análise e sobre algo do que poderiamos denominar «lercheo literario» ou establecemento de relacións causais baseadas en pertenzas a determinados grupos ou familias. Pero é innegábel a capacidade de Gregorio Morán para relatar cunha prosa excelente e para investigar en profundidade o estado cultural español. E aínda máis innegábel a súa valentía para rachar co conformismo panglossiano, aínda que as formas lle poidan custar un disgusto nun país que tende a xudicializar parvadas e no que a honra dalgún ten máis que ver ca do escudeiro do Lazarillo que coas súas ideas e actos.

El cura y los mandarines
Gregorio Morán

Editorial Akal

Páxinas 832 Prezo 22,55 €

(Publicado na edición impresa o 20 de decembro de 2014)

Comentarios