O país que queren

POÑERÍA por título algo así como ‘Dígannos que Ive temos que pagar e direilles que país queren vostedes, os que nos gobernan’; mais era unha epígrafe moi longa, así que aquí queda, de encabezamento, porque resume a idea principal deste artigo.

Non vou facer unha comparativa con outros países da Unión Europea porque, en todo caso, sería pouco significativa xa que habería que considerar máis factores. En Francia, por exemplo, o IVE xeral é do 19,6%, pero teñen un salario base de 1.430 euros, 784,70 máis ca nós, que nin sequera chegamos á metade do que se cobra no país veciño.

Aquí, como é sabido, pagamos polo Ive xeral un 21%, 10% polo reducido e o superreducido, 4%.

Tampouco discutirei a conveniencia ou non de subir ou baixar este imposto que alcanza por igual a pobres e ricos, aínda que non me falten ganas, porque case todos os impostos indirectos me parecen inxustos. Porén, como non son economista, seguramente estarei mellor calada.

O que quero é chamar a atención sobre as que considero auténticas barbaridades fiscais e nas que, se cadra, moitos e moitas de vostedes non repararon. Teño diante a táboa de tipos impositivos vixente desde o 1 de setembro de 2012, editada pola Axencia Tributaria, así que non falo de memoria.

Vexan: Morrer, xa saben, ese luxo que só nos podemos permitir quen aínda temos vida, tributará o máximo. Mais non se preocupen, se non teñen prexuízos morais poderán distraerse primeiro cunha revista pornográfica que só achegará ás arcas públicas o 4%. (Inevitábel recordar o poema rosaliano, ‘De balde…’: «Cando me poñan o hábito /si é que o levo;/cando me metan na caixa,/ si é que a teño/(…) ¡Que enterrar han de enterrarme / anque non lles den diñeiro…!»).

Item máis: Os obxectos que polas súas características só se poden usar como material escolar, 21% (toma informe Pisa!). O cine e o teatro, o mesmo tipo. Tampouco sufran, porque sempre os poderán cambiar por un festexo taurino (exclúense as corridas) ou un partido de fútbol afeccionado polo que pagarán só o reducido.

Sen entrarmos noutras consideracións sobre o Ive de máis produtos, considerando, porén, que o ministro de Facenda non dá puntada sen fío (son máis os defuntos que os pornógrafos), conclúese: Que anda despistado, xa que a súa medida nos disuade de morrer, cousa ben pouco rendíbel nun país en que a proporción de cotizantes e pensionistas está a cadora máis descompensada (isto xa llo soluciona Ana Mato). Que a pornografía é un ben básico coma o pan ou o leite, así que, glosando unha frase de María Lado e Lucía Aldao, onde se poña ‘Playboy’ ou ‘Penthouse’, que se quite Shakespeare.

Comentarios