O operativo de busca de Oliva López continúa activo tras 15 días desaparecida

A muller residía soa no barrio de Murias, na parroquia meirega de Seixosmil

O operativo de busca da octoxenaria Oliva López Tella, desaparecida hai 15 días da vivienda na que residía soa no barrio de Murias, na parroquia meirega de Seixosmil, continúa activo, aínda que con menos intensidade que nas primeiras xornadas.

Así o confirmou o rexedor, o socialista Antonio de Dios, quen incidiu en que a Garda Civil, os voluntarios e veciños "seguirán traballando ata que faga falta", mentres quede algunha posibilidade de atopar esta veciña, viúva e sen fillos.

Este martes, segundo explicou o alcalde, sumáronse ao operativo ao redor de 15 persoas, que estiveron peinando zonas próximas ao río e revisando os pozos de purín de vivendas cercanas, ademais doutros lugares nos que xa se mirara con anterioridade. "Tamén estivo o capitán da Garda Civil, que segue moi de preto a busca", engadiu, mentres confirmou que a intención de todos os voluntarios é continuar buscando.

"Seguiremos mirando calquera recuncho aínda que con menos intensidade, xa que non podemos forzar á xente que leva tantos días buscando e que tamén ten as súas obrigas e traballos", comentou De Dios, que non perde a esperanza de atopar o corpo da octoxenaria non moi lonxe da súa vivenda.

"É todo unha incógnita, pero non queda outra que continuar, xa que non sabemos onde está", concluíu.

Comentarios