O número 2

O2 é un número que me agrada. Símbolo da pluralidade, inimigo dos solitarios. Son daqueles que pensan que “2 case sempre é mellor que 1” –será tamén porque son pai de xemelgos–. En todo caso, ¡cantos quixeran ser segundos na súa vida! Un número que emerxe tras a resaca deportiva da fin de semana. Fíxense.

En 2 xornadas de Liga, o Real Madrid conseguiu unha renda de 2 puntos sobre o Barcelona. É noticia. Había tres anos –setembro de 2008– que os brancos non lles quitaban 2 puntos na táboa aos culés. Todo, despois de que o Barça se enredara en Anoeta por 2º ano consecutivo. O ano pasado perdera en Donosti pero o empate do sábado tamén sabe a derrota. Ao descanso o Barça gañaba 0 a 2 pero na 2ª metade, a Real Sociedad igualou a contenda con 2 goles en 2 minutos. Para máis inri, Alexis Sánchez estará 2 meses de baixa.

Outro 2 maldito. O de Roger Federer. Por 2º ano consecutivo o campión suízo deixou escapar O NÚMERO 2 vivo a Novak Djokovic no Aberto dos Estados Unidos. O superlativo nº1 do mundo a golpe de raqueta tampouco comunga co 2. De feito, no ránking ATP, Roger é o nº3 e aí séntese cómodo, agazapado nun 2º plano coa única misión de gozar do tenis e seguir na procura dun novo Gran Slam. Cousas que ten o discorrer dos tempos. A chegada das novas xeracións obriga a mudar o xeito de afrontar as cousas. No entanto, Roger debe de estar abatido. O pasado sábado deixou fuxir 2 bólas de partido ante un Djokovic galáctico, un tenista que este ano fai tremer as estatísticas. O de Belgrado só acumula 2 derrotas no que levamos de tempada. Inigualable.

No Eurobasket de Lituania a Turquía faltáronlle 2 puntos fronte aos serbios para seguir con vida no torneo. Un tropezo con aires de catarse. A actual subcampioa do mundo non estará nos Xogos Olímpicos de Londres. Si cumpre España, cos 2 irmáns Gasol liderando o batallón de Sergio Scariolo. Esta España, adoptada en boa medida pola NBA, si pelexará polo seu 2º título de campio de Europa.

E para rematar, un envite. Oxalá cando lean este artigo, Nadal poida estar gozando o seu 2º US Open. Non estaría nada mal que o nº2 do mundo rematase a tempada gañando 2 Gran Slams: Roland Garros e US Open. Xa saben: 2 sempre mellor que 1.

Comentarios