O novo cura de Friol e Guitiriz pide o traslado e os veciños quedan sen misa

O Bispado, que aceptou a súa renuncia e aínda non lle asignou novo destino, descarta o regreso do seu predecesor, que esixen os fregueses
Una de las protestas por el traslado del cura de Friol
photo_camera Una de las protestas por el traslado del cura de Friol

O sacerdote José Luis González Regueiro, a quen o Bispado encargou a atención de doce parroquias de Friol e dúas de Guitiriz pese ás protestas veciñais para impedir o traslado a Quiroga e Ribas de Sil do cura que o precedeu nese labor pastoral, renunciou a ese posto e os seus superiores xa lle buscan novo destino. Na zona quedarán de momento sen misa e non hai prazo para a chegada dun substituto. 

Aínda que esta renuncia podería abrir a porta ao regreso do anterior párroco, José Ramón Pérez García, algo que esixen os fregueses dende que se anunciaron eses cambios, dende o Bispado descartan que iso se produza. Recordan, nese sentido, que xa el ten novos compromisos pastorais en parroquias de Quiroga e Ribas de Sil. A primeira consecuencia da renuncia do novo cura, unha decisión que adiantou aos veciños en días pasados, é que nas 14 parroquias afectadas deixará de haber misa ata a chegada dun novo sacerdote, un relevo que, segundo admiten dende o propio Bispado, aínda non ten data no calendario. 

Mentres tanto, segundo indicaron desde a institución relixiosa, nesa zona só se celebrarán actos que urxan como funerais e enterros, previo aviso das familias afectadas a curas de parroquias limítrofes, que os oficiarán. Ata que non se envíe un substituto, dende o Bispado convidan á xente a participar dos oficios relixiosos en parroquias próximas ás súas. 

As parroquias afectadas as igrexas están case baleiras cando se celebran as misas, xa que os fregueses están facendo coincidir o horario deses oficios relixiosos coas manifestacións

UN PULSO QUE NON DECAE. Aínda que dende a institución relixiosa non informaron das razóns esgrimidas por José Luis González para renunciar ao seu novo destino só un mes e medio despois da súa chegada, a súa marcha prodúcese nun momento no que, lonxe de decaer as protestas veciñais tras consumarse a marcha "forzada" de José Ramón Pérez, estas seguen sumando adeptos. 

Así, nas parroquias afectadas as igrexas están case baleiras cando se celebran as misas, xa que os fregueses están facendo coincidir o horario deses oficios relixiosos con manifestacións ás portas dos templos. Ademais, esas mobilizacións non se están limitando só ás parroquias afectadas, senón que o pasado sábado, e por segunda vez, centos de veciños protestaron por esta decisión na capital lucense, nunha marcha polo centro que rematou cunha concentración diante da sede do Bispado. 

Aínda que hai uns días o bispo chegou a reunirse cunha representación dos fregueses para tratar de acabar coa polémica, as súas explicacións non convenceron e os veciños decidiron seguir adiante coas mobilizacións. 

Trala renuncia do seu novo párroco, aclaran que non os moveu nada persoal contra el, como así llo manifestaron en varias ocasións, e advirten ao Bispado de que so pararán as protestas se volve José Ramón Pérez.

Comentarios