O nome en van

NON TEN NADA de extraño que a xente se disguste e, en fases sucesivas, se indigne e mesmo se encabuxe, perante situacións difíciles, problemáticas e, ás veces, dramáticas. Lemos reflexións de xente que sinala que lle parece estar revivindo os anos dos seus abós. Tamén é certo que nun segundo chanzo, unha miga máis reflexivo, a indignación é mais selectiva, pois o cabreo procede do refrendo popular que, en votos constantes e ecoantes, receben os artífices e responsables das políticas que xeran as situacións de discordia, quizais moi verbalizadas e reproducidas por altofalantes, pero pouco efectivas a nivel prático.

Pero imos a un asunto que alguén podería considerar menor, por varios motivos, ou localista por outras causas, pero que nós consideramos identitario, como o é o noso idioma, o nome propio, ou o do lugar onde nacimos, onde vivimos, ou ao que nos adscrebemos. E con isto reivindicamos non un, senón todos os nomes da Terra. Expliquémonos.

A Xunta de Galiza, concretamente a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que depende da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ven de publicar o que eles chaman Guía Informativa sobre A Caza en Galiza, 2013-2014. Pois ben, as nosas fundadas retesias sobre tal caracter informativo, derivan da sua páxina 19, na que ao relacionar aqueles terreos nos que se prohibe a actividade cinexética na provincia de Lugo, situa en primeiro lugar as xunqueiras e ‘Ría do Eo’, en clara flagrante e repetida contradicción coa legalidade vixente, e a pesar das repetidas campañas, iniciativas de todo tipo e abondosa información sobre tan debatido asunto. Ao longo destes anos, témonos preguntado cal é a orixe deste desleixo. Quizais, un émulo de D. Domingo Fontán, o sabio e ilustrado autor do primeiro mapa científico de Galiza, coa arela de enmendarlle a plana. Ou ao mellor, un discípulo devoto de aquel prócer da filoloxía que fixo canónico, para o galego, o xa proscrito ‘a lo menos’. Poida que un esperanzado aspirante á Subdirección Xeral de Veciñanzas, dunha hipotética Consellaria de Relacións Exteriores. Ou, mesmo, algún paifoco inspirador dunha nova versión da sonada aria, naquela frase que di ‘Il mio nome non sai’. Claro que cabe a posibilidade de que se trate dun descuido propio de calquer cagatintas recalcitrante, pero obviamente a responsabilidade compételle ao titular político, Indicámolo unicamente a efectos de que conste, porque vista a reacción de moitos supostos encargados, perante unha sentenzaa desfavorable convidando a que non se cumpra, non nos estrana nada a opinión de que recuamos, e non só nos aspectos aos que aludiamos ao comezo. Pensábamos que o de ‘Haciadama’, ou ‘Niño de la Guía’, por Acea da Má e Niño da Aguia, eran unicamente excrecencias propias de tempos idos. Pero xa se encarga a Xunta de que non caiamos no erro, porque eles propios toman calquer nome en van.

Comentarios