O Naseiro despídese cun balance "positivo" a pesar da chuvia

O prazo de cinco días para recoller todos os enseres e deixar limpa a paraxe empeza este mércores ►A comisión lamenta a pouca colaboración económica e decidirá se continuar á fronte ou non
Ambiente na sesión vermú de onte, coa orquestra Acordes
photo_camera Ambiente na sesión vermú de onte, coa orquestra Acordes

A sesión vermú e a verbena coa orquestra Acordes puxeron o broche final a unha edición da Romaxe do Bo Xantar da que a comisión de festas fai un balance "positivo total" agás no ámbito financieiro onde o presidente, Luis Bernárdez, lamenta a escasa colaboración e repite unha frase que xa mencionou en anteriores ocasións: "Naseiro agora mesmo é inviable economicamente". Polo demais, destaca que a tormenta do domingo non acabou coa festa, que as sesións vermú estiveron moi concorridas e que os hostaleiros traballaron ben en xeral.

Os martes de Naseiro, días de fin de festa, son xornadas nas que a afluencia de asistentes "baixa moito, porque xa hai xente traballando", pero aínda así na sesión vermú de onte "houbo bastante" a pesar de que pola tarde regresou a chuvia. Tamén foi bo o luns, "un día moi completo, con moita xente e bo tempo" que animou as actividades programadas como o Descenso Humorístico do Río Landro, que foi todo un éxito de participantes e público.

Algúns feirantes e hostaleiros tiñan dúbidas de se a xente volvería trala tormenta con saraibada do domingo, pero a festa recuperou. "O domingo estaba un día boísimo e quizá na sesión vermú había aínda máis xente que na do sábado, unhas 12.000 persoas. Despois da tormenta recuperouse a verbena dúas horas e pico, con pouca xente, pero houbo quen se marchou do campo cos coches e despois volveu á verbena no bus", comenta Bernárdez, quen puntualiza que "non se fixo evacuación, foise quen quixo. Causaba máis problema a xente que viña buscar aos que estaban na festa que os que saían dela pero a Policía Local regulou todo e non houbo ningún problema máis".

O sábado e o domingo, ata a hora da tormenta, estaban chamados a ser as mellores xornadas, pero tamén o venres, día do polbo, houbo moita afluencia sobre todo nos botiquíns para cear. "A hostalería sobre todo funcionou moi ben, pero nas atraccións a xente puido gastar algo máis, que son as que pagan a festa", apunta.

A comisión que encabeza Luis Bernárdez remata con esta edición o seu ciclo de catro anos e agora cada integrante deberá decidir se continua ou non. "Non me gusta tomar decisións en quente, hai que valorar con calma todos os aspectos da festa para non tomar a decisión equivocada", di un presidente que a día de hoxe baralla non continuar e cre que tal vez debería entrar xente nova. Lamenta que o tema económico "non lle preocupa a ninguén máis que aos membros da comisión" e cita que "hai negocios que venden moita mercancía para Naseiro e non dan nada para a festa".

Bernárdez tamén bota en falta máis civismo por parte de moitos dos asistentes á romaxe, pois "a xente non colabora e é vergonzoso ver como queda aquelo despois das sesións vermú, pois temos 30 contedores arredor do campo e tiran as cousas ao chan, o que nos custa mil e pico euros tódolos días".

Hoxe empezan a contar os cinco días de prazo autonómico para que a paraxe recupere o seu estado natural e a organización instalará containers para que a xente deposite os restos da festa, como electrodomésticos ou madeira, que se clasifican e se mandan a reciclar. "Iso cústanos uns 6.000 ou 6.500 euros e hai xente que aproveita para vaciar a porquería que ten na casa e véna tirar a Naseiro", critica. A comisión tamén limpará o tramo do río para retirar restos de elementos da baixada e lixo que tiran os romeiros e agarda que estes deixen limpos os campos, como fixeron o ano pasado, para evitar así sancións.

En canto a incidencias na festa, "non houbo ningunha cousa moi grande", di o organizador, máis alá de torceduras, cortes ou o desmaio dunha persoa maior na misa do domingo "polo bochorno".

COCHE DESAPARECIDO. A Policía Nacional tivo coñecemento dalgún furto de móbil e dunha tenda de campaña. Ademais, un veciño de Xove denunciou que alguén lle roubou en Naseiro o seu coche, que apareceu no centro de Viveiro coas chaves e sen sinais de forza nas pechaduras.

Comentarios