O nariz de Pinocho

Namentres en Estados Unidos un acordo provisional entre o Congreso e o Goberno autoriza ao Tesouro a inxectar 700.000 millóns de dólares como medida inmediata para evitar o derrube do seu sistema financeiro, aquí continuamos erre que erre con aquilo de que non hai crise. E de habela, insisten en Madrid, éche moito menos do que aí fóra.

Así, evitar termos que induzan a pensar nunha inxerencia do estado en asuntos económicos parece ser a máxima do discurso institucional, non vai ser que nos confundan cun estado socialista ou algo así. Que para liberais e defensores dos libres fluxos de capital trasnacional a nós non nos gaña ninguén. Como moito, permitímonos o exceso de asegurar o gasto social.

A culpa, como sempre, dos outros: do prezo do combustible, dos especuladores, da crise alimentaria global. Supoño que cando regresen os tempos de soñada bonanza tamén se atribuirá o éxito a eses outros e se fuxirá de loureiros propios. Ou quizais, isto xa sexa moito supor.

A primeira máxima comunicativa ante unha crise é non negala porque, de facelo, cando o problema medre, diminuirá a confianza pública. Ninguén dá dúas oportunidades aos mentireiros, vaia. Así as cousas, a algúns anda a medrarlles o nariz como a Pinocho. E namentres, como non hai problema, ¿para que buscar solucións?

Comentarios