El nacimiento de un gurú

ELP2405P70F3.JPG
photo_camera ELP2405P70F3.JPG

asistimos nestes intres ao nacemento dun gurú. Así, coma que non quere a cousa, aínda máis influínte ca Miguel Olarte, só que no campo da economía. Como o centro do mundo, ata nova orde procedente de Shanghai, está en Wall Street, estas cousas pasan nos Estados Unidos. Saen a un por administración presidencial, descontando a de Bush, que era tan absolutamente desastroso coma presidente que nin iso tivo, agás que consideremos como tal a Bernanke. Reagan encumbrou a Friedman, Clinton a Krugman e Obama, que é peculiar ata para isto, vai poñer na cima a Thomas Piketty. Un francés.

Como España é o cu do mundo cultural (libro máis vendido, Belén Esteban; canción máis descargada, Paquirrín), o influínte ‘Le capital au XXIe siècle’ (Seuil) non se vai traducir, segundo as informacións que corren polos mentideiros editoriais, ata o mes de setembro ou outubro: semella que as editoras andan a paus para ver quén leva o mérito de traducir un libro que non vai ler case que ninguén.

'Le capital au XXIe siècle', de Thomas Piketty Namentres, conseguir unha versión en papel, como lles contaba a pasada semana, é tarefa pouco menos que imposíbel dado o nivel de vendas tanto en francés coma en inglés. Nesta ocasión non se trata dun fetichismo absurdo: os libros de economía adoito aportan unha grande parte da súa información a través de gráficos, especialmente útiles para os lectores profanos ou de nivel medio, como é o meu caso.

Resulta curioso que o novo guía da intelectualidade americana sexa un francés, despois dos problemas posteriores á guerra de Iraq e das consideracións feitas hai uns anos sobre a decadencia da cultura de Moliere. Quizais resulta máis tolerábel por ter estudado na universidade de Harvard, que se encargou da tradución ao inglés.

En canto ao contido, o libro de Piketty é unha desas obras que dedican fondas investigacións a avalar (ou refutar) opinións de barra de bar. Neste caso o leitmotiv da obra é o de responder á pregunta: «Son cada vez os ricos máis ricos e os pobres máis pobres?». Unha cousa é intuir que a resposta é afirmativa -todos o intuímos- e outra cousa é confirmar que o é e mesmo chegar aos porqués desa situación.

A iso dedica o profesor francés preto de 1.000 páxinas na edición francesa. Ben, a iso e a colleitar argumentos para recibir epítetos que van de marxista para arriba. Por se hai dúbidas do seu extremo esquerdismo, pediu o voto para Schulz, o candidato socialdemócrata alemán. Os socialistas alemáns gobernan en coalición coa señora Merkel.

Seguramente o que fai que Piketty sexa un éxito editorial non sexa o contido da súa obra senón, como noutras ocasións, a súa capacidade para transmitilo. Non estamos ante un libro de economía cheo de fórmulas e conceptos complexos senón con poucas ecuacións (e bastante sinxelas) e nocións para todos coñecidas -capital, herdanza, impostos-, pero igualmente ben explicadas. E estamos ante unha obra de historia da economía e das sociedades, con referencias xeográficas (cando é posíbel) a países como Suecia ou a India e referencias culturais a Balzac ou Jane Austen.

Todo remata nun diagnóstico claro e sostido por unha montaña de evidencias: tras un periodo de recurte da desigualdade entre a Segunda Guerra Mundial e os anos oitenta, a economía tomou outro camiño, o que favorece aos máis poderosos. A desigualdade medra e segundo ameaza Piketty, o século XXI pode ser o século da desigualdade, no que se chegue a niveis que aos lectores de Otero Pedrayo nos remiten aos ‘Camiños da vida’.

Pero para enterarse ben de todo isto, moitos de vostedes terán que agardar ata o mes de outubro. Pola banda dos críticos imos cumprindo e, por unha vez, traémoslles un libro en lingua foránea. Que ben merecen os lectores lucenses estar preparados para as novidades de pasado mañá cando estas, quen sabe, ao mellor cambian o mundo de aquí a unhas décadas.

Le capital au XXIe siécle
Thomas Piketty

Editorial Seuil

Páxinas 624 Prezo 23,75

(Publicado na edición impresa o 24 de maio de 2014)

Comentarios