viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

O músico Pepe de Cristos recibe o premio Trapeiro de Honra 2016

Pepe de Cristos, antano
Pepe de Cristos, antano
Os Vilares, Lareira de Soños concédelle este galardón a José López Díaz en recoñemento aos intrumentistas de antano

O proxecto Os Vilares, Lareira de Soños vén de conceder o premio Trapeiro de Honra do ano 2016 ao vilarego José López Díaz, máis coñecido como Pepe de Cristos, un recoñecemento «aos músicos que en tempos difíciles percorreron as parroquias e os salóns de baile da Chaira e do outro lado do monte alegrándolle a vida á xente», precisan.

Pepe de Cristos, veciño da Reboira, foi un destes intrumentistas, «memoria viva» duns tempos nos que «os desprazamentos eran por corredoiras e camiños, nos que os instrumentos eran transportados en carros ou se durmía en palleiras e en casas de veciños. Estes músicos representan o amor pola arte e o seu compromiso cun oficio vocacional».

Saxofonista e clarinetista da desaparecida orquestra Armonía dos Vilares e da Chedeiro, a música era a auténtica vocación de Pepe. «Foia aprender solfeo cun mestre da Costa do Sal, a onde se desprazaba moitas veces andando», lembran desde o colectivo que vén de concederlle o galardón, precisando tamén que a súa paixón polos ritmos ata o levaba a estudar «en momentos de descanso de traballos agrícolas ou no monte».

O pasado ano, Pepe de Cristos reuniuse con dous dos antigos compañeiros da orquestra Armonía, o vocalista guitiricense Ricardo Rivera e o acordeonista Indalecio de Cazás (Xermade), un reencontro posible grazas a Pastora Veres e a Lareira dos Soños, e no que os tres participantes «rememoraron multitude de historias e de anécdotas para o libro deste proxecto».

«O espírito ambulante e emprendedor, o esforzo e a humildade de Pepe de Cristos representa tamén o significado deste premio creado como recoñecemento público ao labor de persoas e de entidades pola nosa parroquia», conclúen desde Lareira de Soños.

Pepe é o terceiro posuidor do Trapeiro de Honra, premio que se estreaba no 2014 con Xosé María Díaz Castro e que no 2015 se lle concedía á Romaría Labrega da Chaira polo seu vixésimo quinto aniversario.

O músico Pepe de Cristos recibe o premio Trapeiro de Honra 2016
Comentarios