El músico lucense Vadzim Yukhnevich tocará en ‘A ópera dos tres reás’

O músico bielorruso asentado en Lugo Vadzim Yukhnevich foi seleccionado, para formar parte do sexteto que porá a música en directo en ‘A ópera dos tres reás’, versión da famosa obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 23 de xuño baixo a dirección escénica de Quico Cadaval. Os outros músicos serán Pablo Castaño, Andrew Macneill, Adrián Viñas Alonso, Paco Dicenta e David Rodríguez Rial.

Os seis foron seleccionados entre os 23 candidatos que participaron nas audicións convocadas pola compañía pública, durante as que tiveron que demostrar tanto o seu virtuosismo como a súa versatilidade, xa que en total interpretarán ata 17 instrumentos diferentes.

Coa resolución deste proceso de selección complétase o elenco de ‘A ópera dos tres reás’, cun total de 17 intérpretes en escena, entre actores que serán tamén cantantes (Luis Tosar, Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Mónica de Nut, César Goldi, Alba Messa, Víctor L. Mosqueira, Marta Pazos, Francisco Pérez ‘Narf’ e Sergio Zearreta) e músicos.

Estes últimos serán quen de interpretar instumentos tan variados como saxo alto, saxo tenor, saxo soprano, saxo barítono, frauta, frautín, clarinete, fagot, trompeta, trombón de varas, contrabaixo, banxo, bandoneón, guitarra, mandolina, timbais e percusión.

Os músicos incorporaranse o vindeiro 23 de maio aos ensaios da nova produción do CDG baixo a dirección musical do galego Diego García Rodríguez, quen na actual tempada exerceu como director asistente de Josep Pons en ‘The turn of the screw’ e de Paul Daniel, en ‘Król Roger’, ambas as dúas obras producidas polo Teatro Real.

García Rodríguez

A pesares  da súa xuventude, Diego García Rodríguez posúe unha destacada traxectoria internacional como director de orquestra. Ten colaborado con Diego Masson na Dartington
International Summer School (Reino Unido) e con Nicolas Chalvin en producións para as óperas de Nantes-Angers (Francia) e Lausanne (Suíza), entre outros traballos.

É, ademais, o fundador do Taller Atlántico Contemporáneo, do cal é director artístico e musical, e do proxecto Galicia XXI, xunto co frautista Luis Soto.

Comentarios