O Museo premia dous traballos de Araceli Novo e Diana Rodríguez

Araceli Novo Celeiro e Diana María Rodríguez Rodríguez recibiron onte o premio de investigación Manuel Vázquez Seixas polos seus traballos sobre o convento de San Francisco de Lugo e as escolas habaneiras, respectivamente.

O galardón, que convoca a Vicepresidencia Primeira da Deputación a través do Museo Provincial de Lugo, está dotado con 2.000 euros, que as autoras repartiron por ser premiadas ex aequo, e unha reprodución en cerámica artesanal do Museo Provincial de Lugo.

Os premios foron entregados pola directora do Museo, Aurelia Balseiro, e o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, quen destacou a importancia deste certame «para botar luz sobre aspectos importantes do noso patrimonio cultural e, polo tanto, da nosa identidade como lucenses e como galegos».

Araceli Novo, de Vilalba, recibiu a distinción polo traballo ‘Forma e transformación do convento de San Francisco de Lugo’, un estudo sobre as diferentes modificacións que sufriu o convento ata a súa secularización e conversión no edificio que alberga o Museo provincial de Lugo.

Antón Bao lembrou que este estudo «chega nun momento especial, cando se están a celebrar os 80 anos da declaración do claustro deste convento como ben de interese cultural» e valorou o traballo como ferramenta para o coñecemento histórico da sede do Museo e desde o punto de vista arquitectónico.

Diana Rodríguez Rodríguez, natural de Viveiro, foi distinguida polo seu estudo sobre ‘As escolas promovidas pola sociedade de instrución Viveiro y su Comarca’. Esta investigación constitúe un achegamento ás características estruturais das escolas habaneiras en función do uso que tiñan.

O estudo céntrase nas escolas feitas de novo e con investimentos que proviñan íntegramente das sociedades de emigrados en Cuba.

Comentarios