O museo de Manuel María superou no 2015 a barreira dos 4.000 visitantes

O récord de público valida a aposta do centro por ofrecer unha programación cultural estable
Participantes nunha xornada celebrada no 2015 para achegar recursos didácticos ao profesorado
photo_camera Participantes nunha xornada celebrada no 2015 para achegar recursos didácticos ao profesorado

A casa museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, superou o ano pasado a barreira das 4.000 visitas, o que supón una suba dun 33% en relación ao 2014, cando se recibiron unhas 3.000. Ese récord de público valida a aposta deste centro, creado na vivenda natal do desaparecido escritor chairego, por ofrecer unha programación cultural estable.

Dende a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que xestiona a casa museo, destacan que os escolares volveron ocupar "un lugar sobranceiro" entre as visitas, ao igual que os grupos organizados por concellos e asociacións, pero salientan que as actividades desenvolvidas de forma regular ao longo do ano tamén tiveron moi boa acollida e contribuíron a ese novo récord de visitantes.

Nese actos, a música tivo un protagonismo central e polo auditorio da casa, que ocupa a antiga palleira, pasaron, entre outros, Uxía, Os Minhotos, Pablo Díaz, a coral Solo Voces ou o coro da asociación Músico Cristanto. Tamén se abriron as portas da institución á Tradescola, que desenvolveu obradoiros de música tradicional para nenos e adultos. Entre outras actividades, a humorista Isabel Risco puxo en escena o seu espectáculo ‘Nabiza Girl’ e tamén houbo unha exposición de pintura de Gonzalo da Ulloa.

Outra das propostas impulsadas pola fundación que tivo moi boa acollida foi o Convivio da Cultura Galega, unha xornada de encontro do tecido asociativo, arredor da figura de Manuel María, que se converteu nun acto de reivindicación das antigas romarías populares.

Á marxe desa programación, os xestores da casa museo destacan que no 2015 se intensificaron os traballos de reedición de obras de Manuel María que estaban descatalogadas e publicáronse novas antoloxías, como a escolma poética ‘Poemas escollidos’, un estudo sobre a defensa da lingua nos textos do escritor chairego ou unha selección de artigos xornalísticos. Están dispoñibles na tenda online aberta na web do museo.

Tamen viu a luz a publicación ‘Uxía canta a Manuel María’, que ten un novidoso formato. Así, inclúe un CD co concerto que deu a cantante no centro, un código de descarga da obra audiovisual ‘De amor e cantería’ -unha recreación visual e sonora dos ‘Sonetos á Casa de Hortas’, premio Mestre Mateo- e un portapoemas con 52 textos, e todo iso acompañado por unha folla de carballo recollida por Saleta Goy, viúva do escritor, na área de Santa Isabel.

RECURSOS. Outra liña de traballo na que se centraron os esforzos foi na catalogación da biblioteca e do amplo fondo documental que deixou Manuel María.

Ademais, creáronse unha serie de recursos didácticos para poñelos a disposición de todo o público, sobre todo dos centros educativos. A casa museo mesmo chegou a acoller xornadas dirixidas ao profesorado para amosarlles esas ferramentas, que moitos colexios e institutos pensan empregar este ano, no que se lle dedica a Manuel María o Día das Letras Galegas.

Comentarios