El Museo de Lugo acogió el estreno de la serie audiovisual infantil ‘Caracois’

«É que son feo, feo!», dixo Caracol a Caracola. ‘Pois a min no mo pareces’, respondeu Caracola. Asomáronse ao charquiño, miráronse por un lado, miráronse polo outro e dixeron: ‘Que bonitos somos!’».

Este anaco dun dos libros da serie dos álbumes ‘Caracois’, cinco libros de NanOQOs —da editorial OQO, destinada aos prelectores—, resume a filosofía da serie audiovisual que sobre esta creación literaria presentouse onte como primicia no museo provincial de Lugo.

A peza consta de 26 capítulos realizados coa técnica de ‘stopmotion’, en Galiza e en galego, coa colaboración coa Deputación de Lugo —que fixo unha achega económica de 100.000 euros en dous anos—, nos que se mostra aos nenos e nenas un universo de relacións infantís dende a perspectiva dos protagonistas: uns animaliños de xardín.

A serie está dirixida ao público de 2 a 4 anos, e os capítulos baséanse en historias cotiás, do día a día duns bichiños que serven para falar da amizade, dos medos, do enfado, do amor, das relacións e, en xeral, do despertar ao mundo dos máis pequechos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, manifestou a súa satisfacción xa que «se trata dun produto audiovisual en galego que enche un oco no que apenas hai propostas deste tipo para o público infantil e na nosa lingua, razón pola cal a área de Cultura non podía deixar de colaborar con esta iniciativa». «Era un desexo, unha vella arela que naceu ó principio da lexislatura», suliñou.

Ademais da falta de produtos deste tipo para o este segmento de idade, Bao manifestou que a serie constitúe un magnífico xeito de que os nenos e nenas máis cativos se acheguen e se desenvolvan no idioma galego, sen olvidar, claro, a súa fin didáctica. ‘Caracois’ é unha proposta plástica innovadora cunha música orixinal, obra da compositora pontevedresa María Mendoza, e está dirixida polo mexicano Luis Téllez, un profesional internacional de prestixio recoñecido con diferentes galardóns.

Despois da presentación de onte, cunha verdadeira proba de lume (a proxección ante o pequeno público), Antón Bao adiantou que se intentará que a serie chegue a tódolos colexios de Primaria non só da provincia de Lugo, senón de toda Galicia, así como acadar algún tipo de acordo coa Televisión de Galicia para a súa difusión. «A grande calidade do proxecto fai pensar que incluso pode ter una proxección internacional», dixo.

A serie de libros, obra do venezolano Armando Quintero, encargado do texto, e o portugués André Letria, o ilustrador, conta xa cun público consolidado, como comentou Eva Mejuto, da editorial OQO.

A presentación de onte completarase esa fin de semana en Xuven Lugo, coa proxección dalgún dos capítulos e diversas actividades arredor dos álbumes. «É o que chamamos un
proxecto 360 grados, no que se mistura a lectura, co audiovisual e outras actividades relacionadas cos libros».

Mejuto tamén indicou que se trata de invitar os nenos máis pequenos á lectura, a través dunha serie que se basa nos libros, non ó revés.

No que ten que ver coa música, en cada capítulo de seis minutos hai unha clara aposta pola produción musical galega. «Queriamos que fose así e por iso encargouse a María Mendoza».

A prestrea de luxo contou cun nutrido grupo de cativos moi atentos ás aventuras dos simpáticos ‘Caracois’.

Comentarios