El mundo en torno al torno

Unha canción dos nenos e nenas do colexio xermadés e os seus debuxos sobre o piñeiro da igrexa, xunto coa presenza da directora xeral de Comercio, Nava Castro, serviron para inaugurar o XI Encontro de Torneiros en Galicia, cita promovida pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e coordinada polos artesáns Fernando Vérez e Vicente Ledo, que xa é todo un referente para os amantes do torno.

Os máis de cen inscritos nos talleres e os 35 artesáns expositores, chegados de toda a xeografía española, dan boa conta da transcendencia deste evento, que contou este ano cos relatores internacionais Phil Irons, australiano afincado en Inglaterra, quen falou das formas ocas e da decoración de superficies; e Alain Mailland, de Francia, que abordou o torneado dunha flor de madeira e o tallado dunha árbore.

«Son dous números un que están entre os dez mellores torneiros do mundo», explicou Vérez. A eles sumouse, unha vez máis, o pontés Manuel Castro para explicar o proceso do traballo tradicional con llerga. Ademais, non faltaron as clases de iniciación para os máis novos, impartidas por Fernando Bordería, de Castellón, Paco Boyero, de Málaga, e Vicente Ledo.

O pavillón xermadés foi un ir e vir constante de xente ó longo dos tres días que durou o Encontro, unha cita que contou «con menos obras pero de máis calidade», como apuntaron algúns dos presentes. Entre estes atopábase o galego Afonso Mira, que tras acudir como alumno varios anos nesta edición ousou dar un paso máis e tamén expuxo. «Apunteime para botar unha man e que se vexa o progreso no traballo», explica, e engade «ademais así motívanse os que veñen atrás».

Outro dos rostros habituais é o de Jesús García Albá, meirego de nacemento e asturiano de adopción, quen este ano non puido expoñer xa que apenas traballa, ó sufrir alerxia ó polvo da madeira. «La moraleja es que hay que ponerse mascarilla», precisa, fel a unha cita que supón «los cuatro días más felices del año para mí». Acode a Xermade dende hai dez anos e está feliz ó ver «que se recupera un oficio, hay arte, sentido de la proporción, equilibrio... hay una evolución de ano en año, y ves que se aprovechan las clases», e porque a Administración posibilite isto, aínda que triste «porque en Asturias no lo hay».

Clausura

A última xornada aproveitouse para facer unha avaliación do Encontro entre os participantes e para abrirlle as portas a decoradores, interioristas, responsables de galerías de arte ou tendas de artsanía.

O acto de clausura contou coa presenza dos coordinadores, os tres relatores e o alcalde de Xermade, Tomás Rodríguez. Todos recibiron un agasallo en recordo do encontro, unha hucha de madeira artesanal, con moedas de chocolate no seu interior.

Os tres mestres agradeceronlle a toda a xente que fixo posible a súa presenza en Xermade e manifestaron o seu desexo de repetir a experiencia, mentres que o rexedor pechou a súa intervención lembrando que o concello sempre apoiaría o Encontro de Torneiros.Porén, puntualizar humoristicamente que, tal e como están as cousas economicamente, quizais a única axuda para as próximas edicións terían que ser as moedas de chocolate da hucha.

  • Curso básico de torneado de madeira na Fraga. O Encontro de Torneiros clausurouse con grande éxito, pero os seus máximos impulsores, Fernando Vérez e Vicente Ledo non descansan e esta misma fin de semana impartirán un curso básico de torneado de madeira na casa de turismo rural Aldeas Artesáns de Galicia, sita na parroquia xermadesa de Cazás.
  • Programa. Este obradoiro de iniciación ó torno, aberto a participación dun máximo de seis persoas, terá unha duración total de 16 horas, que se impartirán os días 1 e 2, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. O obxectivo deste seminario, que inclúe formación teórica e práctica, será iniciar ós alumnos nos contidos teóricos e nas habilidades manuais propias do oficio mediante a elaboración de diferentes pezas torneadas.

EXPOSICIÓN
Seleccionadas as 38 obras que integran a mostra itinerante ‘Contornos’

O Encontro de Torneiros de Xermade leva aparellado, dende hai varios anos, a organización dunha mostra itinerante, chamada Contornos, que este ano acada a súa quinta edición. No transcurso das xornadas, seleccionanse as pezas que a integrarán entre todas as expostas no pavillón xermadés. Neste caso, foron seleccionadas 38 obras pertencentes a 35 artistas diferentes, procedentes de lugares tan dispares como Madrid, A Rioxa, Pamplona, Asturias, Mallorca, As Pontes, Guipúzcoa, Málaga, Bilbao, Ferrol ou incluso das illas Canarias.

Os encargados de facer esta selección foron os tres ponentes dos Encontros, é dicir, o pontés Manuel Castro, o australiano Phil Irons e o francés Alain Mailland, xunto con Elena Fabeiro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Para a escolla, tiveron en conta criterios coma a orixinalidade dos traballos, a calidade  dos mesmos, a súa dificultade ou o tratamento adecuado de cada tipo de madeira.

A cita xermadesa serviu tamén para clausurar a cuarta edición da Exposición Itinerante de Madeira Torneada Contornos, que puido verse ó longo dos tres días que se prolongou esta reunión dedicada ó torno nun stand do polideportivo. Nela figuraban un total de 60 pezas de diversa índole, pertencentes os expositores dos encontros do 2010.

 

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios