O millo na tulla

HAI LOCAIS -—bares, cafeterías, tascas e outros—, que se incorporan á historia dos lugares e dos propios habitantes, polas máis diversas circunstancias. Algúns pola soleira criada ao longo de moitos anos, xeracións enteiras, outros pola singularidade do propio local ou de quen o rexenta, e varios por ser a sé de tertulias ou grupos moi caracterizados. En Ourense foi moi popular o Bar do Tucho, ‘O Volter’, que pechou xa hai moito tempo. Seica a idea do nome foi de Vicente Risco, unha especie de trasunto local do sonado Cabaret Voltaire, de Zurich, que el coñecera. O caso é que se converteu en lugar de tertulia e xuntanza de intelectuais e artistas: escritores, pintores e escultores.

Na miña vila acaba de pechar as suas portas un local, sen dúbida moi diferente do ourensán ao que aludimos, pero en todo caso unha verdadeira institución no ámbito destes espazos, por variadas circunstancias coincidentes, entre elas a de ser o precursor dos bares modernos e con música de calidade, para o gosto da xente nova da época, ou sexa de 1981, que como é lóxico foi sendo o acobillo de outras xeracións. Tomou como nome ‘O Millo’, ainda que ignoramos cal foi o motivo. O caso é que houbo mesmo edición de premios coa entrega da correspondente mazaroca. A decoración era tamén moi particular: dous deseñadores descendentes de emigrantes plasmaron unhas orixinais pinturas no interior e mesmo na fachada. Pero nos primeiros anos a novidade de dispor dun pequeno taboleiro, onde cada quen penduraba o que lle petaba, dou lugar a unha alporizada reacción dun amplo grupo de ‘ultras’
e derivou nun problema de orde pública. A chispa foi un simple retallo dun xornal, sobre as secuelas do golpe de estado, que motivou a intervención indagatoria do que se chamaba forzas da orde, ás que lles pareceu que un bar non tiña por qué dispor de tais adminículos, a fin de contas responsables do conato de alteración.

O tipo de ambiente, ainda que sempre acolledor e agradable, foi evoluindo como é lóxico, pero aquí houbo de todo, desde actuacións musicais nun ámbito moi reducido, en canto ao espazo, até presentación de libros e festas de todo tipo. E mesmo empresas colectivas de discontinua e longa duración, froitificaron entre estas paredes entrañables, como foi o caso dunha publicación tan particular como ‘O Pipelo’, que comezou sendo unha especie de ‘fancine’ e rematou nunha publicación de carácter satírico e mordaz, para divertimento e solaz non só dos
creadores e realizadores senón mesmo dos propios destinatarios das mofas. Neste caso a razón do nome da publicación era coñecido. ‘O Pipelo’ era o lavadoiro público da vila onde, en frase feliz dun escritor local, lavábase a roupa suxa en sentido real e figurado.

En fin, agora xa só queda incorporalo á tulla das lembranzas persoais e da pequena historia local, ou abrigar a esperanza de que abrolle outra volta.

Comentarios