''O mestre ten que sentir o que lle ensina ós alumnos''

Chema Felpeto, na súa casa de Vilalba, o seu lugar de traballo.
photo_camera Chema Felpeto, na súa casa de Vilalba, o seu lugar de traballo.

A pesar de que este ano xa non voltará a percorrer os corredores do instituto, o mestre ‘Chema’ (Xosé María Felpeto Enríquez, mestre e socio fundador do IESCHA), como o coñecen os seus amigos, achegados e alumnos, seguirá a traballar para mellorar o mundo: partindo do local, como bo albense, para chegar a resultados globais.


Que fará un mestre de vocación coma vostede agora que ten todo o tempo do mundo por diante?

Seguir traballando; nada distinto do que viña facendo habitualmente. Agás ir ó instituto tódolos días, seguirei facendo as cousas que facía tódolos días: ler, escribir, facer deporte e participar nas actividades do Iescha. Eu non me retiro, refórmome, como din os portugueses (risas).

Cos líos que hai hoxe na educación, bota vostede de menos o ensino?

Si, eu dixen a final de curso, cando me despedín dos compañeiros, que podían contar comigo para calquera loita ou reivindicación que eu considerase xusta. De feito, na carta que me enviou o conselleiro de Educación ó xubilarme, el buscaba a miña complicidade cos recortes no ensino. E eu o que fixen foi rompela.

Cal sería a solución a todo este ‘escándalo’ que hai na educación?

Estase pretendendo tirar cara á privatización. Estamos vivindo dous ataques dende as institucións: un frontal, cara a nosa lingua e a nosa cultura, e outro cara ó ensino. Cada día se achegan máis recursos ó ensino concertado e menos ó público, o que provoca un desprestixo do mesmo. Solución? Todo o público significa igualdade; se se perde o público, queda unha educación elitista dende o punto de vista clasista. E aventúrome a dicir outra cousa: a ver canto tardan en privatizar tamén os servizos sanitarios.

Están ben educados os rapaces de hoxe en día?

Eu nunca tiven problemas co meu alumnado, pero a nivel global diría que non, aínda que a min non me faltasen ó respecto. Teñen unha educación distinta á que recibimos nós; actúan dunha forma máis permisiva, cun comportamento onde todo está xustificado e o alumno sempre ten a razón. Antes era o mestre, agora o alumno; non é correcto de ningunha das maneiras. Hai que buscar unha fórmula intermedia, xa que a educación é algo común, que ten que partir da escola e da familia; deben de ir paralelos.

Como amante da cultura, diría que está ben representada nas aulas?

Creo que non. O ensino é algo máis que a simple transmisión de coñecementos, e os mestres teñen que sentir o que ensinan. O mestre debe transmitir toda a herdanza que recibiu, no meu caso o que aprendín no campo con meu avó, cada un dende a súa óptica particular. Iso é algo que hoxe, na maioría dos casos, non se fai.

Os nenos de hoxe interésanse polos videoxogos e por internet en lugar de polas artes tradicionais. É unha evolución ou un déficit educacional?

Non se pode poñer ‘stop’ ó progreso, sobretodo no mundo no que vivimos. O videoxogo, se ten unha función educativa, é unha forma moi válida de aprender ecoloxía ou de establecer relacións humanas. Con internet pasa o mesmo. Pero, claro, tamén hai que mirar un pouquiño á conservación das outras artes. Non ten por que ser negativo, pero sempre valorando todo o demais. As novas tecnoloxías poden supoñer un avance didáctico importantísimo e temos que contar con elas.

O Instituto de Estudos Chairegos contou tamén coa súa colaboración dende os inicios. Cambiou moito o Iescha nestes anos?

O Iescha naceu arredor dunha tertulia entre amigos aló polo ano 2000. Nós sabiamos que era difícil, pero aínda así intentámolo. Houbo unha primeira etapa de asentamento, trala cal fun nomeado presidente e se chegou a unha época de consolidación. A partir de aí, eu penso que foi mellorando ano a ano; hoxe é unha asociación perfectamente consolidada, na que os presidentes posteriores melloraron o labor anterior e se superaron os 300 socios. A valoración é moi positiva.

Conseguíronse os obxectivos cos que naceu o colectivo?

Nós botabamos en falta unha asociación chairega que coordinase actividades dirixidas a velar pola nosa cultura. Os obxectivos a favor da nosa lingua non se conseguirán plenamente, xa que non está normalizada. Outros obxectivos, como a recuperación da memoria histórica a través de patrimonio gráfico é un labor inacabado, xa que cada día recibimos nova documentación. En canto ás publicacións eu creo que tampouco. Son cousas que avanzan pouquiño a pouco.

Por que as institucións non axudan todo o que poden á cultura?

Iso habería que preguntarllo ás institucións. Hai pouco apoio en xeral á nosa cultura. A mín máncame escoitar á ‘ilustre’ concelleira da Coruña dicindo que algo «es demasiado gallego» e sei que hai moita xente que pensa o mesmo. Hai que respectar tódalas culturas, pero primeiro é a miña. Hai que promocionar a publicación de libros e as actuacións musicais, sobretodo o que é noso, o do propio municipio.

Moitos socios do Iescha e outros amigos fixéronlle unha homenaxe en recordo do seu traballo como mestre. Que lle pareceu?

Foi unha iniciativa dos meus compañeiros de departamento do instituto, que me ofreceron un xantar moi emotivo no Lugar de Pascuais, en Outeiro de Rei, e agasalláronme co mellor agasallo que se pode dar a unha persoa: a palabra dos amigos. Foi moi emotivo.

Durante boa parte da súa vida foi profesor de galego. Os seus alumnos aprenderon a amar a lingua?

No libro que me regalaron na homenaxe participaron dous exalumnos. Polo que escriben eses alumnos eu quero pensar que aprenderon a ir algo máis aló de ler e escribir a lingua. Non quero ser optimista de máis, pero o certo é que eu intentei transmitir iso ó meu alumnado.

Por que hai xente que acusa ós profesores de galego de adoutrinar politicamente ós seus alumnos?

Eu nunca lle dei demasiada importancia. A miña conciencia está tranquila e en xeral podo dicir o mesmo. Senón estaría adoutrinando tamén o mestre de matemáticas ou o de castelán. Se partimos do feito de que, se sentías a túa materia, tiñas que ensinar conforme a iso, entón eu si, eu cúlpome de adoutrinamento. Pero non político, xa que eu non teño filiación política. Eu teño unha ideoloxía, nacionalista galega, que non oculto, pero eu non teño nada que ver con ningún partido. É moi fácil acusar a un profesor de lingua galega de politizar, simplemente por falar galego.

DE PRETO
«As Irmandades do Falo ensinan a comprender e valorar o noso»

Un mestre.

Xente altruista, como Gandhi.

Un chairego.

Manuel María, o inventor da Chaira como sentimento.

Un lugar da Terra Chá.

A miña aldea, San Xoán de Alba, a miña universidade da vida.

Un libro ou escritor.

Gústanme moito ‘Pedro Petouto’, do meu profesor Alonso Montero, ‘Sempre en Galiza’, ‘Memorias dun neno labrego’, pero tamén son un namorado do ‘Quixote’ de Cervantes.

En canto ós gustos musicais?

Gústame a música tradicional galega instrumental, como Milladoiro ou Luar na Lubre. Das cancións con voz, prefiro aquelas que teñan unha mensaxe non superflua. Hai unha idea que me está encantando ultimamente: a iniciativa das Irmandades do Falo, que transmite a importancia dunha tenda tradicional, a importancia de defender o noso.

E no cine?

Xa hai moito que non vou ó cine, pero sempre me quedarei con Charlot, sobretodo en ‘El gran dictador’.

Xa para rematar, un desexo.

É complicado, pero gustaríame que desaparecese a violencia, en tódolos sentidos. Gustaríame que ninguén pasase fame, que houbese traballo, que este fose un mundo sen carencias no que primase a igualdade social. Ese é o meu desexo, moi difícil.

Comentarios