jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

O Maruja Mallo de Pedro Almodóvar

Humphrey Bogart e Lauren Bacall
Humphrey Bogart e Lauren Bacall
O cineasta manchego e a cantante estadounidense Madonna posúen obras da pintora de Viveiro. Rexeitan cedelas para que formen parte de exposicións

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

RAY LORIGA TEN unha excelente ubicación ou unha creatividade excelente. Manuel Jabois entrevístao co gallo de gañar un deses premios de novela que requiren máis ubicación que creatividade. O escritor dedica boa parte da entrevista a presumir de ubicación ou talvez a exhibir creatividade. De novo, traballaba nunha tenda de roupa de Madrid pola que unha vez apareceu un afroamericano enxoito entre dous negros de físico poderoso. Era, por suposto, Miles Davis e deixou millón e medio de pesetas na caixa. A entrevista avanza entre anécdotas inanes como o pulso dialéctico sobre testorena entre Ángel Cristo e o boxeador Evangelista para desembocar na historia máis bonita.

Ray Loriga conta que está "en una fiesta en casa de Julian Schnabel en Nueva York" e chega unha señora que lle pide lume. Era, por suposto, Lauren Bacall. Pregunta ao rapaz de onde é. "De Madrid". E daquela, a actriz e muller de Humphrey Bogart pídelle un favor: "Me dice: '¿Me puedes coger de la mano, cruzas toda la fiesta y me llevas a Chema Prado sin que tenga que saludar a nadie?'". Cruzaron entre os convidados, que non paraban de incomodar a Bacall, pero ela ignorounos a todos ata que chegou onda o exdirector da Filmoteca Nacional, Chema Prado (Rábade, Lugo; 1952). O mesmo día en que lin iso, que eu diría que era o luns, falo cun amigo relacionado co mundo da arte que me conta que Madonna ten dúas obras da viveiresa Maruja Mallo. E dime: "Ten unha máis que Pedro Almodóvar, aínda que este valora a súa en tal medida que a reserva para o dormitorio".

Esta semana estiven lendo Son cosas que pasan (Anagrama) de Pauline Dreyfus. A novela está chea de artistas. De feito comeza co funeral dunha duquesa na igrexa parisina de Saint Pierre de Chaillot, onde se celebraron as exequias de Marcel Proust. Eu xuraría que a protagonista da obra, esa nobre parisina, é un trasunto de Marie Laure de Noailles, descendente do marqués de Sade e neta da duquesa de Guermantes proustiana. A señora lembraba a Marcel Proust escapando no medio dunha festa nun xardín de Turena para meterse nun garaxe no que cheirar gasolina, un olor forte que aliviase a súa alerxia ás flores.

Marie Laure non tiña ese problema coas flores. Cando un impertinente lle preguntou se o seu marido, Charles de Noailles, prefería os homes ou as mulleres, contestou con desgana: "Oh! Nin uns nin outras. Charles prefire as flores". Talvez por iso ela morreu, xa vella e fisicamente abandonada, rodeada de gigolós.

Non era a primeira vez que sufría o desinterese dun home amado. Cando era nova foi pretendente do artista Jean Cocteau. Mantiveron a amizade por sempre. O matrimonio Noailles financiou ao creador a película O sangue dun poeta coa mesma xenerosidade que dilapidaron o resto da súa fortuna en financiar a calquera que achegase un discurso novo á música (Francis Poulenc, Georges Aric) ou á arte (Dalí, Picasso, Giacometti). A súa vila no Midi foi deseñada por Mies van der Rohe. Encargaron a Man Ray unha película sobre a casa. Os misterios da vila do dado considérase unha peza notable do surrealismo.

Vin a cinta o mércores: o seu interese limítase ao ben que mostra o traballo arquitectónico de Van der Rohe. Os Noailles viron un día O can andaluz de Buñuel e pagaron a seguinte película, A idade de ouro. Buñuel tivo que agardar un ano para estreala porque os seus mecenas se enfadaran vivamente con Cocteau. Había unha escena de O sangue dun poeta na que participan como espectadores nunha función teatral, pero, na montaxe final, descubriron que non aplaudían a uns actores nun escenario, senón a uns xogadores de cartas botando unha partida que acababa en suicidio.

Pasado o disgusto, permitiron que se presentase a cinta de Buñuel, pero foi aínda peor porque o escándalo na sociedade parisina causou que Charles de Noailles fose ameazado con ser excomungado e, aínda peor, foi expulsado do Jockey Club.

Eses castigos dolorosos son dunha escala diferente aos que padeceron os xudeos parisinos tras a ocupación nazi. A novela de Paula Dreyfus está transitada por artistas, pero o tema central é o desprezo polos xudeos, ese sentimento tan francés. O apelido da autora apunta ao caso Dreyfus que Emile Zola denunciou en Eu acuso. A relixión e a etnia son ás veces obstáculos, polo que lin con sorpresa e interese Humildar (Xerais), de Suso de Toro. O escritor revela nese ensaio tan cativo como suxerente a "envexa" que, como ateo, sente dos crentes. Explica De Toro que dispoñen dun sistema que lles permite "ordear" a súa existencia "e vivir ritualmente os momentos necesarios da vida", como o nacemento, o matrimonio ou a morte. Vén expresar que os que acreditan na trascendencia viven o seu paso polo mundo coma unha narración ordenada, con principio, nú e desenlace.

Como contrapeso, o ateo ten a arte para dotarse dunha causa e unha finalidade que lle axude a guiarse na concatenación de sucesos azarosos que é a vida. A arte non lle vai axudar a encontrar o sentido da existencia, pero si a facer do mundo un lugar máis bonito. Poida que ese sexa o motivo de que Almodóvar ou Madonna rexeiten ceder os seus cadros de Maruja Mallo para que formen parte de exposicións.

O Maruja Mallo de Pedro Almodóvar
Comentarios