El mar gallego también presume de huerta

Convivimos coas algas a diario aínda que moitas veces non o saibamos. Con elas elabóranse os carraxenatos –un aditivo espesante parecido á xelatina– empregado na industria cárnica, láctea, en gominolas e xeados, en bebidas, salsas, repostería... Tamén delas se extraen numerosos derivados para a farmacia e a cosmética e incluso fertilizantes. E, duns anos para aquí, tamén empezan a conquistar a nosa gastronomía.

Porén, na sociedade galega segue existindo unha certa reticencia cara a estes vexetais mariños que cada verán nos incomodan nas praias coa súa textura viscosa. É certo que xa constitúen un elemento esencial na chamada alta cociña e na restauración, pero a nivel dos fogares precisan dun impulso no que traballan cóbado con cóbado Administración e empresas, pero ao que lle falta o paso definitivo: que os consumidores lle abran as súas portas.

As altas presentan unha maior concentración de vitaminas e minerais que calquera outro vexetal terrestre. O contido de ferro –moi superior ao das lentellas– e iodo da práctica totalidade das especies convérteas en ideais para tratar anemias e para embarazadas. E algún tipo ten dez veces máis cal-cio que o leite. 

Ademais, apenas posúen graxas e axudan a regular os niveis de colesterol.

Con esta tarxeta de presentación o certo é que non hai escusa para non darlles unha oportunidade, e máis tendo en conta que Galicia é a grande horta submarina do sur de Europa, con máis de 600 especies diferentes, froito da temperatura das súas augas e das correntes e nutrintes delas.

Nos últimos anos foise xerando unha industria arredor deste produto e hoxe xa é posible atopar na compra todo tipo de algas mesturadas con arroz, setas, moluscos, etc... A súa presentación adoita ser deshidratada, polo que hai que mollalas en auga con sal antes de comelas. Unha preparación sinxela e un sabor a mar que ningún outro produto ten.

Á hora de escoller dá igual porque a variedade é ampla: hai argazo –na imaxe–, espagueti de mar –chamada aquí correa–, leituga marina, musgo de Irlanda, wakame, nori, dulse e un sinfín máis, cada unha coas súas características e comercializadas a través de varias compañías da comunidade. Xapón é o referente mundial no consumo e, por iso, un mercado interesante ata para exportar.

Co incremento da demanda de algas tamén se está contribuindo a que os recolectores –en moitas ocasións mariscadores a pé ou a mergullo– teñan neste recurso galego unha fonte de ingresos complementaria para determinadas épocas do ano.

Comentarios