O maior 'chek point'

Avión, madrugada, cafés e bocadillos que só saben a risas nerviosas e abrazos cómplices; é a mesma viaxe que hai dous anos, que hai un ano, que hoxe... Présas e medos, horas de soño roubadas pola excitación e o traballo, emocións da despedida e soños por cumprirse. Madrid- Tel Aviv-Jerusalén e entre medias o maior check point da historia: Ben Gurion. Un check point disfrazado de aeroporto: corredores que se volven interminables, que ameazan coa súa luz de hospital e as súas cámaras móbiles, corredores que para min só teñen un destino: a garita de  interrogatorios da Policía israelí; o sen bet.

Todo neste aeroporto está calculado e previsto coa mesma precisión enferma que o muro da vergoña, que afoga Cisxordania en metades que non se tocan. Auga que cae do ceo para recordar que Israel se apropiou dos pozos desta parte case desértica do mundo, militares disfrazados de paisano para agochar que son a 1ª potencia mundial en intelixencia e espionaxe, e metros e metros de corredores para empequenecerte con cada paso se sabes que non es benvido á terra prometida.

Unha vez máis sucede. Un funcionario –eu chámolle o taxista– decide levar o meu pasaporte de paseo e a min detrás ata a xa familiar sala de espera na que empeza un ir e vir de xente que, máis que persoas, son tratadas como virus: Israel non quere ser contaminada polos DD HH nin o libre tránsito da xente e a súa historia. Pero tras 16 meses e un estúpido interrogatorio logro entrar en Palestina. Parece que a cela e a deportación non son o meu destino nesta viaxe, polo menos de momento... Ben Gurion, como ben o saben os solidarios internacionais (especialmente nestes días) e o pobo palestino, é un check point que retén, expulsa, encarcera e humilla a toda a humanidade, pero hoxe como un cíclope durmido deixou que se lle coen dous pallasos rebeldes coa humilde chama dun festival de dignidade e esperanza: o Festiclown Palestina empeza a súa conta atrás, e o meu soño de volver ao corazón da humanidade cumpriuse. Estou de novo na casa...

Comentarios