''O Lugo de Paco, máis real có oficial''

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou o lucensismo de Paco Martín, quen foi distinguido como socio de honra do colectivo na décimo sexta edición do programa O Escritor na súa Terra. A terra de Paco Martín é, sobre todo, Lugo: «O Lugo de Paco Martín é por veces máis real cá propia versión oficial», asegurou o escritor Alejandro Tobar na súa laudatio.

O homenaxeado, firme defensor da teoría do ‘lugocentrismo’ plantou onte unha árbore na Praza da Horta do Seminario —elixiu un de probaba galeguidade, un carballo— e asistiu ao descubrimento dun monolito dedicado á súa persoa, a carón do busto do crego e músico Castiñeiras. Ademais, a biblioteca en construción na Piringalla levará o nome de Paco Martín.

Lembra neste intre o pai do Ramón Lamote ao seu amigo —tamén escritor— Juan Farias, recentemente falecido: «O primeiro que pedía era que traducisen os seus libros ao galego. Pena que non vise o da ‘miña’ biblioteca. Hai anos puxéronlle Juan Farias á biblioteca de Villaviciosa de Odón, en Madrid, e chamoume: ‘¡Lamote, para que veas que tengo biblioteca!’. Eu dicíalle: ‘Dimo en galego’».

A defensa e a dignificación do idioma é outra das constantes de Paco Martín que foi lembrada onte por colegas e autoridades. «Paco Martín é un home humilde e calmo; un tipo de principios que se rebela sempre contra a inxustiza cando a ve: contra o xenocidio lingüístico galego, por exemplo», contou onte Alejandro Tobar.

Sobre este aspecto, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, salientou no seu turno de palabra que os personaxes acuñados por Martín «significan a crítica social coa tenrura e o siso, onde o chairego é o crisol do idioma da nación toda, nosa».

Porque o chairego non é só o idioma imaxinario que aprende Ramón Lamote, a máis célebre das creacións literarias de Paco Martín. O chairego existe. «Manuel María púxose tolo de alegría co do idioma chairego; aseguraba, afirmaba que existía», engade o homenaxeado de onte.

Brincadeiras filolóxicas á parte, Alejandro Tobar ten por certo que as descricións de «xentes, calellas, fontes e bares flúen cunha maxia case cunqueiriana que nos permite aos veciños e veciñas do escritor recoñecer o que é de noso; recoñecer Lugo, a nosa fala, os nosos modismos as nosas virtudes e os nosos moitos defectos».

E é a mira ética e humanista do mestre e escritor outra das virtudes enxalzadas polos colegas de Paco Martín: «É un señor ecuánime cando mira un partido de fútbol, cando le unha novela ou cando escribe a súa columna para El Progreso», enumerou Tobar.

Cesáreo Sánchez, pola súa banda, louvou os seus «personaxes cun fondo sentimento moral», nunha sociedade que, ás veces, vai camiño de ser habitada polas formas máis valeiras do poder».

Paco Martín tamén ten afeccións mundanas. Desvelou onte Alejandro Tobar que xoga puntualmente unha partida de tute semanal e que «seica» perde as máis das veces. E no medio e medio da paixón albivermella das últimas semanas, desexa que ascenda o Lugo «e que ascenda en galego».

«Sabido é que as poboacións cativas —e quizais tamén as outras— teñen sempre alguén que vén ser a representación viva das rúas, xardíns e edificios; alguén que encarna a alma de pedra e cemento que as conforma. A Ramón Lamote correspondeulle neste tempo esa responsabilidade e el sóuboa aceptar sen reparo e fai por levala coa ledicia e dignidade precisa».

Así comeza ‘Das cousas de Ramón Lamote’.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega puxo onte Paco onde di Ramón. E o que serve para un debuxante de soños acáelle ao outro como unha luva.

''Este carballo será o alugueiro dos lucenses''
O homenaxeado Paco Martín, visiblemente emocionado, recordou o Lugo de cando el era mozo. «Aquel reservado e misterioso lugar (a horta do Seminario) no que tantas froitas desaparecían...», dixo o escritor.

Ese lugar ao que Paco Martín fixo referencia, hoxe Praza da Horta do Seminario, conta agora coa árbore do escritor e cun monolito dedicado ao lucense. «Hoxe estou aquí pedindo que este carballo sexa a sombra e o alugueiro para os lucenses que saiban manter a súa condición de galegos», aseverou.

Familia e amizades

Deceas de familiares e amigos e amigas do escritor non quixeron faltar a este día tan especial para Paco Martín, e o lucense, «orgulloso» das persoas que o arrouparon, ofreceu a pa a cada un dos presentes para que botasen terra no carballo, e desta maneira deixar a súa pegada na súa árbore.

Entrega da letra E

Deceas de lugueses asistiron onte ao acto no que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega entregaron a Paco Martín a Letra E (de escritor), no que foi distinguido como socio de honra do colectivo. Entre eles atopábase a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro.

Plantación dun carballo

O mestre e escritor Paco Martín descubreu onte un monolito e plantou onte un carballo na Praza da Horta do Seminario, que será «a sombra e o alugueiro para os lucenses que saiban manter a súa condición de galegos». Martín invitou a todos os amigos, como Agustín Fernández Paz ou Darío Xohán Cabana, e familiares que o acompañaron no acto a tomar parte na plantación da árbore. Un dos que non se perderon onte a homenaxe foi tamén Xosé Manuel Beiras.

Comentarios