O lobo ataca por segunda vez nunha explotación de Cospeito e fere un xato

"Como non poñan solución, isto é unha ruína", afirma o gandeiro afectado
Feridas causadas ao xato
photo_camera Feridas causadas ao xato

 O lobo atacou por segunda vez no que vai de mes na mesma explotación de Cospeito, onde na madrugada do domingo feriu un becerro.

A principios de agosto o lobo fería outros dous xatos e outro desaparecía, e este domingo atacou a outro no mesmo lugar do Bao, na Finca da Plantación.

"Encontrámolo pola mañá, de momento non morreu, estamos tratando de que se recupere, pero ten moita ferida", explicou José Manuel Souto, propietario dunha explotación que suma arredor de 150 cabezas de gando.

"Como non poñan solución, isto é unha ruína", indicou o gandeiro ao outro lado do teléfono, indignado cunha problemática que se repite.

"A finca está pechada con arame e cerca eléctrica e teño un mastín, pero aínda así nada. Esta vez atacou a cen metros da casa", explicou José Manuel Souto, que cifra as perdas nuns mil euros se o becerro non sobrevive. "Uns 200 euros xa son de gastos veterinarios e o becerro custa uns 700 euros". "A Xunta, en caso de pagar, que non sempre o fai, pagará menos da metade", di este gandeiro, que esixe maiores axudas.

"Entre os ataques e os atrasos nos pagos é todo unha ruína. Aquí non conceden batidas porque é refuxio de fauna, pero a única solución é que controlen os lobos. Ou arruinámonos. As vacas estrésanse e abortan. Estamos indefensos", critica este gandeiro de Cospeito.

Comentarios