O lixo de Nápoles

As grandes cidades portuarias do sur de Europa comparten todas un aire decadente que, co tempo, se converteu nun dos seus signos de identidade. Lisboa, Porto, Barcelona, Marsella, Xénova... Todas elas posúen a beleza das ruinas, un atractivo que enche de turistas os seus cascos históricos por moi degradados que estean para facer vida cotiá neles. Mesmo Vigo encaixa nesa categoría, co seu Berbés medio abandonado resistindo ao urbanismo agresivo que o rodea. Son cidades de contraste, escenarios complexos onde o interés do poder municipal non sempre concorda co dos poderes económicos. Uns e outros financian continuamente proxectos de rehabilitación moi puntuais que se limitan a reparar as lacras máis visibeis, sen atreverse a atallar os problemas de base.

Nápoles sería o caso extremo: crime, suciedade, abandono, desorganización... A cidade semella colapsada a tempo completo, atrapada nas súas propias incoherencias. Por exemplo, ten o barrio de rañaceos máis ambicioso de toda Italia, o Centro Direccional, insertado xusto nun dos extremos do seu núcleo barroco, a escasos cen metros da estación de tren. Ese skyline (que inclúe o edificio máis alto do país, a Torre Telecom Italia) é a primeira imaxe da cidade que ve o viaxeiro, para de seguido bater coa súa contraria: a Praza Garibaldi, xusto á saída da estación, un lugar caótico e perigoso ateigado de vendedores ambulantes que tentan colocar mercadorías roubadas. Se daquela o viaxeiro leva á vista algún obxecto de valor (un reloxio, unha cámara, un teléfono móvil ou un ordenador portátil) pode ter por seguro que aos poucos días estará á venda neste mesmo lugar, despois de que llo rouben. Deste xeito, as actividades das grandes corporacións e as do crime organizado conviven prácticamente no mesmo barrio, creando unha confusión espacial entre o máis alto e o máis baixo da escala socio-económica. Velaí a esquizofrenia napolitana.

O mellor símbolo dos problemas desta cidade son as montañas de lixo que a rodean: Nápoles convértese así nunha metrópole-sumidoiro afogada na súa propia merda dende hai tres semanas. A impotencia da súa clase política, os negocios turbios da Camorra e o estoicismo extremo da súa poboación imposibilitou ate agora resolver un desastre que xa vén de lonxe. Disque que en toda a Campania xa non queda ningún vertedoiro capaz de absorver tanto refugallo. Tampouco hai centros modernos de tratamento de residuos, ninguén os quere preto da casa. Como se amañaban daquela ate agora? Seica abusando dos vertedoiros ilegais, un negocio moi rentábel xestionado, como non, pola Camorra.

Un pulso entre a Camorra e o Estado
Os habitantes dos suburbios napolitanos fan garda día e noite diante de vertedoiros pechados dende hai anos para evitar a súa reapertura. O mesmo lixo que asolaga as rúas sérvelles para facer barricadas coas que bloquear a entrada aos vertedoiros. A eles non lles vale a escusa das medidas excepcionais, eles resisten, igual que facían os veciños de Montjuïc nos anos sesenta e setenta, unha época na que Barcelona tamén estivo a piques de afogar co seu propio lixo: antes das Olimpiadas, as canteiras abandonadas de Montjuïc servían para guindar nelas toda caste de detritos.

Falar de problemas co lixo en Galiza implica lembrar o derrube do vertedoiro de Bens, na Coruña. Foi en setembro de 1996: duascentas toneladas de lixo acumulado precipitáronse ao mar sepultando algunhas casas e provocando a morte dunha persoa. Con este novo exemplo xa van tres: Nápoles, Barcelona e Coruña, tres cidades portuarias desafiadas polos seus propios refugallos. A diferenza está en que mentres as urbes ibéricas xa atoparon outros destinos para os residuos, en Nápoles seguen téndoos a plena vista.

O goberno de Romano Prodi leva semanas estudando distintas posibilidades: Levar o lixo a Sardeña? A Alemaña? A Paraguai? Tamén se adica a prometer incineradoras modernas e demais instalacións que tardarán anos en construirse. Mentres, enviou o exército para ir recollendo o que se poida e tentar manter a orde nunha cidade fóra de sí. Unha solución desesperada? Militarizar un lugar é unha forma implícita de recoñecer que xa non se ten ningún control sobre el. A Camorra sábeo, e adícase agora a observar con retranca todas estas manobras. A incapacidade do goberno para resolver os problemas de Nápoles é algo bo para o seu negocio: levan séculos substituindo ao estado nas súas obrigas. Niso, xa son expertos.

En plena emerxencia sanitaria custa imaxinar como van facer para retirar todo ese lixo acumulado. Sexa cal sexa a solución resulta difícil crer que vaia mudar a natureza política dun problema que vai máis aló das disfuncións puntuais. No fondo, esta crise confirma por enésima vez a incompatibilidade entre as estructuras do Estado e as da Camorra. E esta última, lonxe de desaparecer, leva todas as de gañar. Extorsionar á cidade, a fin de contas, é a súa especialidade.

Comentarios