O libro dos contos

ALEGRÁBASE ESTES DÍAS unha amiga de atopar nun recuncho da casa familiar un libro perdido. A peza, que corría polo nome d'O libro dos contos', era un prezado volume que anos atrás alguén lía polas noites, en voz alta, nas xuntanzas á beira do lume. A escena, compartida ben seguro por moitos fogares da xeografía rural, desmente algúns dos tópicos sobre os que se escribiu a historia da cultura galega, que adoitan restrinxir a lectura a unhas elites ilustradas, esquecendo prácticas como a que acabo de referir ou ignorando a fortuna dalgún best seller da época.

Volvendo ao libro en cuestión, axiña o imaxinei como unhas 'Mil e unha noites' galegas, uns contos a carón do lume, ou talvez unha noveliña como as que o mouro Alsir lle levaba ao mago Merlín cando este asentou en Miranda. Gustoume saber no entanto que o libro atopado non era outro que os 'Contiños da terra', escritos polo meu paisano Manuel García Barros. Os relatos viran a luz nos anos vinte do pasado século no xornal El Emigrado, e foran compilados e publicados en 1931 co financiamento das Sociedades de Emigrados da Estrada en Buenos Aires e La Habana. "Ken Keirades", tal era o pseudónimo que o escritor adoptou nas 'Rexoubas'anticaciquís difundidas na prensa, viviu entre o último cuarto do século XIX e os anos finais dunha ditadura cuxo remate non chegou a coñecer. Foi labrego, torneiro e mestre. Mantivo contacto con políticos agraristas e con membros das Irmandades da Fala. Loitou contra o caciquismo —non sen persecucións e atrancos— desde as súas colaboracións na prensa e participou activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. García Barros foi ademais un apaixonado defensor da lingua galega e divulgou nos seus textos —'Falemos na nosa fala', de 1930, entre outros— a necesidade de estender o seu uso a todos os falantes e situacións.

A crítica dirixida nun dos seus escritos aos membros da Real Academia Galega, da que foi correspondente desde 1957, por non predicaren co exemplo resulta indicativa do seu grao de conciencia sobre a política lingüística do momento. O levantamento militar de 1936 abriu unha fenda na actividade xornalística de García Barros, que tivo que interromper as súas colaboracións críticas en El Emigrado. Alén disto, foi depurado como mestre e obrigado a pór fin ao oficio que viña desempeñando nunha aldea estradense. Nos anos que seguiron, a súa vida estivo marcada pola sanción que o afastou definitivamente do ensino e pola vixilancia dun réxime que non lle perdoou o compromiso cívico e galeguista. O seu outro oficio tamén querido, o de escritor, valeulle o galardón nalgúns certames literarios. Non obstante, a súa única novela, 'As aventuras de Alberte Quiñoi', datada en 1942, non viu a luz até meses despois da súa morte.

Entre tanto, a popularidade de 'Contiños da terra' medraba e en 1952 publicouse unha segunda edición. As súas historias cheas de graza, bebidas algunhas delas das fontes da tradición e escritas para a xente do común, eran lidas en silencio e en voz alta, aprendidas, contadas de novo e gardadas ao enxoito na memoria. Libros como 'Contiños da terra' termaron, como quixo o seu autor, da afección pola lectura e escribiron páxinas esquecidas da historia da literatura galega e dunha cultura popular que exploraba, nas noites á beira do lume, formas de normalidade.

Comentarios