O leite máxico

UN GANDEIRO pensará que o prezo do leite é cousa de prestidixitación. No 2013 o seu custe creceu, contra pronóstico, un 20%, ata os 0,40 euros litro.

A razón non a teñen as vacas, nin a herba, nin o mimo no ordeño. A causa tamén é macroeconómica. Existe demanda no mundo do leite, sobre todo porque queren máis produto China e Rusia.

A demanda fai que o prezo suba. Esa é a razón de que os gandeiros lucense, despois de estar afogados durante anos, levanten cabeza: aínda lle van ter que dar as grazas a Merkel. Por unha vez, a economía internacional fai que suba o ouro branco de Lugo.

As perspectivas, ademais, son boas e todo indica que os prezos manteranse en torno a 0,40 euros o litro, se cabe cunha lixeira baixada en primavera.

O bo e non menos máxico disto é que a suba do prezo do leite en orixe favorece a toda a cadea: dende comerciais veterinarias ata as grandes industrias, que sempre aproveitan a baixada do leite en primavera para exprimir uns meses máis, ata o inverno aos gandeiros. Ao fin temos unha boa noticia para Lugo que chama ao optimismo. Os gandeiros poden vender o seu produto, o leite, por riba dos custes de produción. É dicir, o seu negocio é rendible, aínda que sexa por razóns macroeconómicas, que China e Rusia demandan moito leite e Nova Zelanda e Australia, grandes produtores, tiveron malas campañas.

Comentarios