El legado

Manuscrito do século XII (Foto: BODLEIAN LIBRARY OF OXFORD)
photo_camera Manuscrito do século XII (Foto: BODLEIAN LIBRARY OF OXFORD)

de cando en vez sucede que merco un libro que está gafado. Pasoume hai un par de semanas. Primeiro, subino a un autobús e coloqueino enriba da chaqueta, uns intres, para sentarme no do lado. Tirei da chaqueta e... ben, aterraxe forzosa no medio dun corredor coas correspondentes pegadas motivadas polo chuvioso outono-inverno-primavera que estamos a vivir. Horas despois, con algo de présa, metín o volume nunha mochila. Moi espaciosa, poucas cousas dentro, ningún perigo aparente. Pois con algo enganchou para que ao sacalo a cuberta preciosamente ilustrada estivese rachada, polo precioso e distintivo lombo verde. Remarco o de distintivo, porque se quitas as cubertas, organizar calquera biblioteca trócase en algo casi imposíbel. Nos seguintes días, o tal libro chegou a pegar mesmo contra un portal da rúa nun estrafalario incidente.

Non se trata de fetichismo. Sen chegar aos estremos dalgún amigo, que subliña libros en bolígrafo ou rotulador, son partidario da manipulación dos libros, que á fin e ao cabo son artefactos que se poden subliñar ou marcar de mil xeitos diferentes. Pero sempre dende as boas intencións. O que lle pasou ao pobre libro de lombo verde foi un atentado inadmisíbel pola miña parte.

A pesares de todo, sobreviviu de maneira decente, tanto como para darme dúas semanas de sesudas mañás e ‘late nights’. Trátase de ‘El legado de Roma’, de Chris Wickham, unha exhaustiva historia de Europa entre os anos 400 e 1000, coa caída do Imperio Romano, as invasións bárbaras, o sagrado Carlomagno e o desenvolvemento dunha sociedade que aínda non coñecía o feudalismo e a relación de vasalaxe. O autor, neste momento, é a grande eminencia sobre o tema, cun prestixio sostido pola súa monumental obra de 2005 sobre a Alta Idade Media (‘Framing The Early Middle Ages’).

En non poucas ocasións nestas páxinas temos defendido a permeabilidade das fronteiras que separan o que se considera Renacemento (coa súa addenda humanística) e o que se considera Idade Media (coas negativas connotacións da escuridade e o medievalismo). A obra de Wickham serve para ancorar aínda máis esta visión polo enorme contraste entre a intelectualidade que puidesen representar un Anselmo de Canterbury (m. 1109) ou un Tomás de Aquino respecto da que, brevemente por necesidade, se presenta nesta obra dun Escoto Erigena (m. 877). O mundo entre o 400 e o 1000 non era o noso mundo nin tiña elementos que poidamos identificar sinxelamente co Occidente actual. Digamos que a fundación das universidades vén a ser a última fronteira.

O detallado panorama xeral que presenta Wickham está sostido nunhas fondas investigacións que fuxen dos marcos habituais de análise usados para o período. O traballo levado a cabo hai décadas por Henri Pirenne mediatizou gran cantidade de análises e creou unha serie de prexuízos que co paso do tempo e o desenvolvemento de instrumentos auxiliares á historia son desmontados. Neste caso, o profesor da Universidade de Oxford utiliza con mestría as investigacións arqueolóxicas e ecolóxicas, que melloran co tempo e a tecnoloxía, para amosar unha nova luz en cuestións como a economía e as relacións sociais. De particular interese resulta para min a súa teoría (e argumentación) da mínima importancia das relacións entre «imperios», que contrasta coa importancia da pequena industria e o intercambio local. O mero feito de que as investigacións en xacementos sexan chave para aclarar tipoloxías urbanas ou tipos de cultivo fala da distancia que nos separa daquel mundo.

A profundidade das lecturas de Wickham pódese apreciar nos detalles ofrecidos en historias como a de Valerio do Bierzo, eremita ascético do que nunca oíra falar a pesares de ser veciño meu, e cuxa vida se desenvolveu na maior das soidades xa que os seus discípulos morrían de frío ou por culpa dos bandoleiros (frío segue facendo, agora os ladróns pasan pola autovía). Ou na historia que máis gracia me fixo en toda a obra: de como entre 857-869 o rei Lotario II quixo divorciarse de Teutberga, a súa esposa. Para facelo, alegou que tivera sexo anal co seu propio irmán, quedando embarazada pola operación e abortando a continuación. Incesto, sodomía e infanticidio nunha soa manobra.

Tal milonga non lle colou nin ao papa da época, Nicolás I, que chegou a anular un sínodo para evitar o divorcio. E ollo, que os papas da época non eran precisamente uns liberais: vinte anos despois, Esteban VI desenterrou ao seu antecesor Formoso e xulgou os pútridos restos en pleno Nadal.

Se imos territorio por territorio, podemos sacar certas conclusións: a capacidade dos ingleses para manter un corpus legal e unha aristocracia sobre a que construír o país; a facilidade dos godos, visigodos, ostrogodos e demais para entrar en batallas sen sentido; o nulo peso na historia dos suevos, reivindicados na miña infancia como presunto xerme dunha Galicia independente; o estraño que podía ser un imperio como Bizancio, no que se produciu a única guerra por razóns artísticas da historia do mundo; ou o recoñecemento de que, ata hoxe mesmo e tras a caída de Rómulo Augustulo, o eixo de Europa pasou a Francia e Alemaña e non se moveu de alí nin cando Córdoba era unha urbe na que Abderramán I construíu 27 escolas e unha biblioteca de 400.000 libros e Carlomagno un tipo que nin sabía ler nin se lavaba.El legado de Roma

De todo isto poden vostedes sacar conclusións erróneas, como que isto é unha obra miscelánea de anécdotas interesantes sobre un período relativamente ignoto da historia da Humanidade. En realidade, é unha desas obras que requiren paciencia pola profundidade dos temas tratados e o afastado das referencias que se realizan. Aquí non hai cabaleiros de lanza «en ristre» senón moita historia política que en ocasións resulta difícil de seguir sen unha idea xenealóxica e xeográfica clara. Súmese a isto a presencia do Imperio Bizantino e o desenvolvemento da relixión e a política islámicas e atoparemos unha obra densa que non consegue salvar (nese aspecto) nin á habilidade como narrador de Wickham, que ofrece claridade, relatos estruturados e as xa citadas anécdotas como necesario descanso.

El legado de Roma

Charles Wickham. Pasado y Presente Editorial. 768 páginas

Comentarios