El lancarés que cocinó para la rubia

Xavier Navaza tece en ‘O último amante de Marilyn’ unha arañeira na que a estrela é un leit motiv que engarza vidas de galegos anónimos na América do século XX, nos mesmos escenarios ca Nixon, Kennedy, Al Capone, Elia Kazan ou James Dean.

Un destes homes que Navaza rescata do esquecemento é Emilio Taboada, nado en Láncara e falecido en 1975 sen ter regresado nunca á súa terra, que foi o xefe de cociña de La Scala de Beverly Hills, o restaurante de moda.

Taboada chegara a Nova York vía Cuba e alí coñecera a Jean Leon, un cántabro que daquela se chamaba Ceferino Carrión. Os dous arribaron a Los Ángeles, o lancarino, curtido como cociñeiro; León, armado coa súa labia.

Jean Leon inaugurou La Scala en 1955, xa con Emilio Taboada como xefe dos seus fogóns. Relata Navaza que o socio capitalista que atopara o buscavidas santanderino na súa empresa foi outra desgrazada estrela do cine, James Dean, falecido prematuramente antes de ver aberto o negocio.

La Scala erixiuse en referente da gastronomía de Hollywood. Taboada sempre permaneceu nun discreto segundo plano, mentres Jean Leon dedicábase a engrosar a mítica do local con historias como que Marilyn e John Fitzgerald Kennedy coñecéronse alí unha noite de xullo de 1960, diante duns fetuccini preparados por un de Lugo.

Advirte Navaza de que Jean León era moi dado á fábula e que a «falsa» loura parva e o home máis poderoso de América xa intercambiaran miradas en 1954. Como sexa, aínda tivo Emilio outro papel fundamental na historia de Marilyn e JKF, como autor do menú nunha data fatídica de 1962. Foi cando a actriz entonou o ‘Happy birthday, mister president’ cuberta de brillantes e algún asesor do tal mister president lle recomendou á muller que se olvidase do conto, que só fora «un polvo» para Kennedy.

Jean Leon, quen bautizaba as creacións culinarias de Taboada cos nomes dos actores que as degustaban, acuñou os ‘fetuccini á Marilyn’ e aínda sostería logo do pasamento da actriz que a última chamada de teléfono que realizou antes do fatal desenlace foi a La Scala, para pedir uns fetuccini.

Navaza non dá creto ás historias do «vendedor de fume» Jean Leon e engade que nunca se soubo a quen ían dirixidas aquelas derradeiras chamadas telefónicas de Marilyn, por moito que se investigou. Entre as hipóteses, por certo, saíra tamén algunha vez o nome de Pepe Bolaños.

Na galería que bosquexa Navaza en ‘O último amante de Marilyn’ despuntan dous homes e unha muller do Deza, a tiro de pedra da provincia de Lugo.

Un deles é Pepe Iglesias, de Refoxos, Silleda, que traballou de chófer para as empresas de Al Capone no Chicago da segunda metade dos anos trinta, mentres o capo estaba en Alcatraz, e que tivo como encarga conducir polos mundos da perdición a un Elia Kazan que acababa de coñecer o éxito como autor teatral e estaba a arrepentirse dun pasado comunista. Logo virían o romance de Kazan con Marilyn e o seu papel como delator na caza de bruxas.

Son os outros dous Manolo Sánchez, de Cadrón (Lalín), e a súa dona, Fina, de Vilariño (Agolada), que traballaron máis de vinte anos como persoal de confianza para Richard Nixon e a súa esposa. Logo na morte do expresidente, en 1994 o matrimonio volveu a Galicia, á Coruña.

Como Emilio Taboada, Manolo e Flora emigraran primeiro a Cuba, onde traballaron para unha familia italiana, «relacionada coa mafia» e que algunha vez fora anfitriona dos Nixon. Cando Fina e Manolo saíron de Cuba trala Revolución de 1956, fixeron uso da tarxeta que aquel estadounidense -«encantado cos cócteles de Manolo»- lles dera algunha vez e pasaron a ser traballadores do rancho californiano dos Nixon e, logo, persoal de confianza da Casa Branca.

Alí cociñou Fina caldo de nabizas para John Wayne e Frank Sinatra, e alí Manolo granxeouse a amizade dos xornalistas que cubrían a Ala Oeste, ata o punto de merecer que a revista Time o sinalase como o auténtico «home do presidente». Iso si, os medios de Estados Unidos sempre falaron de Manolo coma «o cubano de Nixon». E conclúe Navaza: «Nunca souberon que era galego».

Comentarios