miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

O Incio concederá sendas distinciones a Rubén González y Lucía Pérez

Rubén González López. AEP
Rubén González López. AEP

O Concello do Incio recoñecerá o labor de dous dos seus veciños máis internacionais: a cantante Lucía Pérez e o gaiteiro e fabricante de palletas Rubén González, que serán nomeados Filla Predilecta e Fillo Adoptivo do municipio, respectivamente. As designacións someteranse a votación o vindeiro día 4, no primeiro pleno ordinario do ano no Incio.

A proposta parte do alcalde, Ángel Camino, por entender que os dous acumulan méritos máis que suficientes polo seu traballo e a contribución para dar a coñecer o nome do Incio. Estas distincións veñen sumarse á da ex conselleira Manuela López Besteiro, única Filla Adoptiva ata esta data.

Rubén González naceu no 1925 en San Xoán de Randín (Ourense). Afeccionado á música dende moi novo, con só dez anos mercou a súa primera gaita e, pouco despois, construíu un bombo e un tambor con bidóns e pelexos de ovellas. Con 19 anos trasladouse a Castelo de Somoza, parroquia do Incio da que era natural súa nai e onde continúa residindo. Neste concello comezou a tocar nun quinteto en Noceda e, aló polos anos 70, formou o grupo de gaitas Os Agarimos. Xunto co seu fillo, Antonio González, e outros integrantes como Jesús Vila, ‘O Cuarenta’, José ‘O Crego’, Amadeo Goyanes, Suso Vila ou Borja, Os Agarimos realizaron múltiples actuacións en lugares como San Clodio -onde tocaron 30 anos consecutivos- ou nas tradicionais danzas da Cervela.

Home polifacético, foi ferreiro, zoqueiro, enterrador e empregado de Magnesitas de Rubián pero, sobre todo, fabricante de palletas. «Hoxe en día é, xunto co seu fillo Antonio, un dos artesáns máis recoñecidos neste eido. O nome deste concello é coñecido e ‘soa’ nunha boa parte do mundo grazas ás palletas que Rubén González elaborou», explica o rexedor.

Discos

O nome do Incio tamén traspasou fronteiras grazas á cantante Lucía Pérez (Goó, 1985). Comezou de nena a súa carreira musical participando en programas infantiles e, con 17 anos, gañou o concurso da Galega ‘Canteira de Cantareiros’. No 2003 sacou ó mercado ‘Amores y Amores’, cuxas ventas a fixeron merecedora do Disco de Ouro galego. A este primeiro traballo seguiríanlles outros tres: ‘El tiempo dirá...’ (2005), ‘Volar por los tejados’ (2008) e ‘Dígocho en galego’ (2010), no que se inclúe a canción ‘O Incio’, unha homenaxe á súa terra coa que venceu no Festival Gayvisión.

Ó longo da súa traxectoria, Lucía Pérez representou a España en dúas ocasións no festival de Viña del Mar (Chile), no que logrou o segundo posto. Ademais, resultou seleccionada para os Premios da Música e, na actualidade, é candidata para participar no vindeiro Festival de Eurovisión.

Colaboradora en causas benéficas, está tamén en posesión dos galardóns Lucense do Ano, Vieira de Honra á Calidade Artística e Galicia Sexta Provincia. «Amosa unha sensibilidade extraordinaria coa súa terra e nela concorren abundantes méritos para outorgarlle o título», sinala Camino.

O Incio concederá sendas distinciones a Rubén González y Lucía Pérez
Comentarios