O Iescha e A Voz de Vilalba publicarán un libro inédito do xornalista Ramón Chao

O vilalbés visitou a súa terra natal coa familia e con Ignacio Ramonet, co que protagonizou unha conferencia
Ramonet e Chao
photo_camera Ramonet e Chao

O Iescha e A Voz de Vilalba publicarán un libro inédito do xornalista Ramón Chao que recolle un compendio de 60 semblanzas escritas polo vilalbés e publicadas en Le Monde Diplomatique en español, o xornal que dirixe Ignacio Ramonet.

Inseparables dende que se coñeceron no ano 1972, "amigos de corazón e sempre con proxectos", os dous xornalistas galegos afincados en Francia participaron nunha charla conxunta na casa da cultura de Vilalba, da que saíu espontáneo o compromiso da publicación do libro por parte das dúas entidades vilalbesas e da cesión dos dereitos dos artigos por parte dos dous xornalistas invitados. O libro está ilustrado polo polaco Wòzniak.

Aos seus 81 anos e cun brazo escaiolado tras un recente accidente de tráfico, Ramón Chao mostrouse máis cansado, pero deixou ver a mesma sinceridade ao recordar anécdotas da súa Vilalba natal, ao falar da familia ou da súa ideoloxía política.

"Os únicos votos en contra de Fraga aquí eran o do meu irmán e o meu", apuntou entre risas, mentres destacou que non quere ser fillo predilecto, pero si fillo pródigo, como se titulará unha autobiografía que tamén está escribindo.

Chao e Ramonet conversaron co público sobre como se coñeceron, acerca dos seus traballos en común ou da xente coa que se cruzaron os seus camiños, coma Borges, García Márquez ou Onetti.

Na charla, que se convertiu nunha nova homenaxe a Ramón Chao en Vilalba, estiveron presentes a súa muller, Felisa Ortega; o seu fillo menor, Antoine, e os dous fillos deste. Todos visitaron pola tarde, antes do acto, o piano de pedra que hai no Paseo dos Soños dende que se lle fixo unha homenaxe en 2015. "Hubo un momento mágico en el que él puso las manos sobre la piedra y todos escuchamos ‘O lago de Como’", dixo Ramonet.

Comentarios