O Iescha conmemora o centenario das Irmandades da Fala de Vilalba

Inaugurou un monolito diante da Torre do Castelo e completou a celebración cunha charla de Emilio Insua
Buxos Verdes participou no acto do Iescha
photo_camera Buxos Verdes participou no acto do Iescha

O Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) conmemorou onte á noite o centenario das Irmandades da Fala de Vilalba, que se fundaron en novembro de 1916, coa inauguración dun monolito e o descubrimento dunha placa diante da Torre do Castelo, lugar onde se localizaba a redacción do Heraldo de Villalba.

O presidente da entidade, Manuel Castro Santamariña, foi o mestre de cerimonias neste primeiro acto, no que recordou como as «Irmandades defenderon a cultura galega, o agro, e tamén loitaron pola igualdade dos homes e mulleres», nunha clara alusión á xornada de onte, na que tamén se celebraba o Día contra a Violencia de Xénero.

Santamariña parafraseou no seu discurso a Xosé María Díaz Castro, recordando o poema de Penélope, e subliñando que «esta institución foi un das primeiras que deu un paso adiante para Galiza».

A continuación, nomeou un por un os 19 integrantes das Irmandades vilalbesas e, logo de descubrir a placa conmemorativa, os presentes cantaron o himno de Galicia acompañados polas gaitas de Buxos Verdes.

Santamariña: «As Irmandades defenderon a cultura galega, o agro, e tamén loitaron pola igualdade dos homes e mulleres»

O medio cento de asistentes ao acto desprazáronse ata a casa da cultura para participar na conferencia de Emilio Xosé Insua, que foi presentado polo pintor Eduardo Baamonde, quen o definiu coma «un home necesario que é quen de paliar a agonía da cultura galega».

O conferenciante introduciu o seu discurso cualificando a historia das Irmandades da Fala como «un tema apaixonante», e pasou a dividir a súa actividade en varios bloques fundamentais para o que é hoxe «o noso país».

«As Irmandades tiveron unha incidencia decisiva en catro grandes campos: teórico, cultural, lingüístico e político», resumiu Insua, ao tempo que fixo un repaso por algúns dos grandes logros acadados por esta institución.

Así, rememorou a introdución da lingua galega na universidade, e tamén na narrativa, «algo impensable antes da súa constitución», destacou Emilio Xosé Insua, quen aproveitou unha anécdota para reflectir a realidade daquel tempo.

«O vilalbés Lois Peña Novo era un avogado incrible, un home extraordinario no seu campo. Porén, o seu acento foi o causante de que non puidese aprobar unha cátedra. Dixeron que falaba un ‘castellano muy agallegado’», contou o ponente, mentres rematou afirmando: «Eles o perderon».

Logo do repaso histórico, e cunha casa da cultura ateigada de xente, o Iescha deu por cumprido o obxectivo de conmemorar o centenario dun «colectivo que deu os seus froitos, pero que non se valoran o suficiente».

Comentarios