O IES de Becerreá premiará a promoción da lingua e a cultura galega

Distinguirá cun galardón a quen destaque pola defensa e impulso da galeguización
O xurado do premio do IES de Becerreá, reunido este venres
photo_camera O xurado do premio do IES de Becerreá, reunido este venres

O IES de Becerreá vén de convocar a cuarta edición do Premio á Promoción da Lingua e a Cultura Galegas na Comarca dos Ancares. Con este galardón, pretende distinguir persoas, colectivos e empresas que destaquen polo seu labor en favor da dinamización da lingua propia e da promoción da cultura galega.

Como nas edicións anteriores, haberá un premio para "persoas, asociacións, entidades ou colectivos involucrados ou que traballen directamente no labor cultural" e outro para "iniciativas privadas, empresariais ou comerciais" da comarca que se distingan "polo uso do idioma e no apoio e dignificación da nosa cultura".

O IES de Becerreá quere deste xeito "recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoal individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico e cultural" pertencentes á área de influencia do instituto.

Poderán presentarse candidaturas ata o día 19 de maio ás 11.00 horas, no centro ou a través do correo [email protected]. As propostas deben incluír o nome e contacto do candidato e unha explicación dos seus méritos.

Un xurado elixirá os premiados entre as propostas e pode decidir deixar algún dos galardóns deserto se considera que os aspirantes non teñen méritos suficientes para merecelos.

Comentarios