O gusto polo tabernario vai a máis na véspera de Pardiñas

Trece agrupacións inauguraron onte o festival de música tradicional guitiricense co seu despregue de cantigas. Hoxe, carreira popular, Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo, Liviao de Marrao, Rare Folk...

Hai xa catro anos que o Festival de Pardiñas comeza o venres. A tradicional cita do primeiro fin de semana de agosto medrou, e a véspera está xa plenamente integrada no programa grazas ao éxito que ano tras ano acadan os cantos de taberna pola vila de Guitiriz. No que xa foi o cuarto encontro, todos os implicados pareceron querer desafiar aos malos augurios, seguros do poder da música e da boa compaña, coa participación de tres grupos que repartiron o seu bo facer por outras tantas localizacións, logo de abrir a xornada cunha concentración no Campo da Feira guitiricense.

Formacións consolidadas mesturáronse onte con arrexuntamentos temporais xurdidos para a ocasión, en ambos casos coa única premisa facer gozar ao numeroso público cos ritmos da terra. Viute o Demo, @s de Sempre +5, Caivanca, Outra Vaca no Millo, Os Armandanzas de Xermolos, a asociación cultural Andrade, Xaora, As fillas da Modesta, As Viquingas, Os Foleiros da Coruña, o Grupo de gaitas de Abegondo, As d’Aló da Vía e Os Ferracholos deron o mellor de si ao longo dun encontro que se prolongou durante varias horas e que discorreu entre os doce bares inscritos (Xoldra, Centro, Flamingo, Soa, Mónica, Titanic, Korreo, Pozo, Gaibor, A Capela, Pepe e Casa Barxa), e o máis un que dirían os supersticiosos, a Praza do Ecce Homo do Curro Vello, onde un ano máis a comisión de festas do Ecce Homo organizaba unha mexillonada popular.

Maruxa Miguéns e Pepe Romero lerán esta tarde o pregón da Mostra de Instrumentos e mañá, Mini e Mero farán o propio co do festival

Este IV Encontro de Cantos de Taberna promovido pola asociación cultural Xermolos serviu para inaugurar oficialmente o Festival de Pardiñas, que hoxe arrinca no recinto do balneario coa tradicional carrreira popular, fixada para as 19.00 horas, a apertura da mostra de artesanía e das exposicións da Casa das Artes e as actuacións, a partir das 21.00 horas, de Bloquinho de Xermolos, Banda Crebisky, Anxo Lorenzo Band, RareFolk ou Liviao de Marrao.

Tamén se inaugura esta tarde a Mostra de Instrumentos da Música Tradicional que promove a Asociación de Gaiteiros Galegos dende hai 23 anos conxuntamente coa Feira e Festa da Música e da Arte. Ao redor das 17.00 horas, Maruxa Miguéns e Pepe Romero, integrantes do afamado grupo Os Rosales, abrirán co seu pregón unha xuntanza que cita a 30 artesáns de toda Galicia.

A Fanfarria Taquikardia será a encargada de dar o pistoletazo de saída e tamén de poñer o broche de ouro á xornada do domingo, mentres que entre unha e outra actuación, da sesión vermú ao último concerto da madrugada, haberá tempo para a actuación de Duende Circo destinada ao público infantil (16.30), para un obradoiro de batukada a cargo de Bloquinho de Xermolos (17.30), para o recital de Alvariza na mostra de instrumentos (18.30), para o pregón musical de Mini e Mero e a entrega de premios do certame de creación (19.00) e para as actuacións á noitiña de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e FullSet.

Comentarios