García Canto de Valuros: "O grupo ten en mente sacar novo disco nun prazo de tres anos"

Hai un ano Os Valuros celebraban as súas vodas de prata sacando á luz o seu primeiro traballo discográfico. Agora están inmersos na organización da vixésima primeira edición do seu festival, que encherá de música este sábado a carballeira de Castro de Ribeiras de Lea.
Francisco García Canto
photo_camera Francisco García Canto

A paixón pola música fai que Francisco García Canto continúe, despois de doce anos, á fronte dos Valuros, ademais de dirixir outras agrupacións. A entidade de Castro de Rei celebra este sábado unha nova edición do seu festival, amosando que despois dun cuarto de século a música tradicional galega goza de boa saúde na comarca.

Están a piques de celebrar o XXI Festival dos Valuros. Como foi a organización deste evento?

Despois de 26 anos de existencia do grupo e de 20 festivais -nos cinco primeiros anos non se fixo- xa temos algo de experiencia, pero este ano creo que vai ser o máis numeroso. Contamos con 120 músicos e bailadores e esperamos ter 1.000 persoas de público.

Terán como compañeiros de escenario a Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada e Pedralva-Anadía de Portugal. Que podería avanzar?

Antaruxas conta con 36 anos de existencia e achegan un espectáculo de baile e música a un nivel profesional, ao contar cuns mestres como Pepe Vaamonde e Lis Latas. O grupo Rancho Folclórico Pedralva-Andía é un enfoque totalmente distinto, que pouco ten que ver cos outros grupos. Cambia todo, empezando pola instrumentación dos temas, e seguindo polos bailes. Eles expresan a través do baile o sentir do pobo, co cal son máis largos e sinxelos, facendo así que participe todo o mundo. E moi normal atopar tres xeracións da mesma familia.

É a primera vez que contan cunha agrupación do país veciño, pensa que fará máis atractiva a cita?

Por suposto, Galicia e Portugal sempre estiveron moi unidas pola música e á xente da Terra Chá gústalle moito o seu espectáculo. Axudará a que o público vexa outra forma de entender a música e o baile.

Haberá foliada aberta. Como animaría á xente a que participase?

Todo o mundo que teña un instrumento na casa, así sexa unhas cunchas, unha pandeireta ou calquera outro, e unha voz mediana, que veña tocar e cantar con nós. Vai ser unha experiencia única e seguro que olvidan as penas, polo menos nese momentiño. Tamén haberá unha cea gratuíta e licor café e refrescos para todos aqueles que se animen a participar.

Para que este tipo de eventos sexan unha realidade é necesario a colaboración das institucións. Séntense apoiados?

No noso caso podemos dicir que estamos encantados, tanto pola colaboración do Concello de Castro de Rei como da Deputación, que desde o primeiro momento decidiron axudarnos economicamente e con diverso material.

En que situación pensa que se atopa a música tradicional galega?

A día de hoxe, grazas á Asociación de Gaiteiros Galegos, á Tradescola, e ás asociacións culturais, pervive coa publicación de libros de execución de gaita, percusión, canto e, sobre todo, recollidas dos nosos maiores. Ademais, eventos coma este e as foliadas permiten que o noso idioma e a nosa música sigan vivos.

Os Valuros, dende logo, están nun bo momento. O ano pasado celebraron as vodas de prata. Como recorda ese momento?

Foi o mellor momento dos Valuros, xa que estabamos arroupados polos veciños de Castro de Rei e tamén de fóra. O mellor foi cando nos subimos ao escenario, a xente estaba moi nerviosa, pero todo saíu perfecto.

Coincidindo co 25 aniversario, veu a luz o seu primeiro disco.

Para o grupo foi unha experiencia única, xa que case ningún estivera nun estudo de gravación. Contamos coa axuda dos máis grandes, Xosé Otero e Valuria, Alejo e o seu violín, Lamas e a súa ilustración e, o máis importante, todos os Valuros e Valuriños. Dalgunha maneira fixemos algo que quedará para a historia. Se non fora por este disco, a muiñeira de Castro de Rei ou a Polca da Ponte de Outeiro quedarían no olvido.

Recibiron moitas felicitacións?

Moitas, moitas.

Pensan gravar máis ou haberá que agardar outros 25 anos?

O grupo ten en mente nun prazo de tres anos sacar o seu segundo disco. Gustaríame meter algúns cantos antigos da zona interpretados polos nosos maiores para que queden reflectidos.

Os Valuros actúan en case que todas as festas e romarías da volta. Quédalles algún escenario?

Si, quédanos pendente actuar no Festival Intercéltico de Lorient, pero está en proceso.

En que proxectos están traballando agora?

Estamos centrados na nosa canteira. Temos un mestre de baile novo, Lis Latas, que lle está dando un xiro ao grupo que ás veces mete medo. Ademais, queremos facer cursos de formación.

Como anda a axenda este verán?

Temos 30 actuacións e esperamos que saian un par delas máis.

Comentarios