O grupo lucense de teatro profesional Ónfalo preséntase coa obra ‘Neuras’

Afonso Becerra e Ana Contreras dedicaron o pasado luns bastante tempo a montar un ‘plotter’ no que se vía o cartel da súa obra ‘Neuras’ para presentala. A dedicación para unha simple rolda de prensa permite deducir a ambición e o interese co que crean o seu novo grupo teatral, Ónfalo, que terá a súa sede en Lugo.

O cadro teatral convértese no terceiro que dá o paso á profesionalización, despois de Palimoco Teatro e de Matapiollos. A nova compañía darase a coñecer en Lugo coa representación da obra ‘Neuras’, de María Xosé Queizán, ás 20.00 horas deste xoves no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Afonso Becerra parafreseou un coñecido lema gastronómico que anima a comer na nosa provincia para expresar a súa ambición en facer realidade o novo lema ‘E para teatro, Lugo’. O director de Becerreá laiouse de que «as institucións «aínda non se decataron da importancia que ten a cultura a nivel social e económico, pois representa o 2 por cento do PIB galego, por riba do textil e a pesca, e o 2,5 por cento dos empregos». Dúas institucións que son conscentes desa importancia son o Concello de Lugo, que promove a representación, e a Deputación Provincial, que patrocina a Ónfalo e xestionará outras representacións de ‘Neuras’ en localidades lucenses.

A maiores dos dous directores, traballan nesta representación tres actores e tres técnicos.

Na visión de Becerra, o público é un apoio determinante para o teatro, polo que a representación do xoves «será unha festa, porque a obra de María Xosé Queizán é unha comedia expresiva, urbana e actual». Os catro personaxes desta peza son unha psicóloga, unha bulímica, unha ‘súpermuller’e un metrosexual. «A autora pon enriba do escenario o amor lésbico, a transexualidade e a crise de identidade dos homes, as neuras da sociedade contemporánea», indicou Becerra.

Ana Contreras completou o seu comentario explicando que «Queizán é coñecida polo xornalismo e polos ensaios, pero aquí desmelénase con gags, chistes, cancións, trucos de maxia e bailes». Eses elementos responden ao concepto de teatro que ten Ónfalo e que foi resumido por Afonso Becerra como «un teatro implicado coa historia e a lingua do país, que vai traballar obras contemporáneas» e que «non vai poñer o espectáculo ao servizo do texto, senón ao revés porque o teatro non consiste en ler un texto, é unha arte de seu».

Aínda con eses presupostos, Ana Contreras remarcou que «a obra parte da ideoloxía e busca o debate, de feito xa o houbo na súa estrea, na que puidemos comprobar como as diferentes capas de poboación e os diferentes elementos sociais entendían o texto».

O vicepresidente provincial primeiro, Antón Bao, remarcou que «a Deputación apoia o teatro profesional lucense como unha parte importante da industria cultural que hai que desenvolver, porque ademais do seu valor cultural xera emprego e contribúe a dinamizar o territorio».

Pola súa banda, a tenente de alcalde Sonia Méndez, reiterou a idea de que «a industria cultural xenera riqueza e traballo, polo que son importantes iniciativas coma esta».

Ónfalo prepara unha peza do autor austríaco Thomas Bernhard para a vindeira montaxe.

Comentarios