domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

O gran teatro do mundo

VIVIMOS nun mundo de aparencias, iso a ninguén sorprende. A importancia da imaxe, axudada polos medios de comunicación e polas novas tecnoloxías, converteu unha boa parte das actividades do ser humano en espectáculos. Nas pantallas, ben sexa das televisións, ben dos ordenadores, teléfonos móbiles e outros trebellos, actúan decotío personaxes das esferas públicas, tanto daquelas profesións tradicionalmente vinculadas á fama como doutras que se incorporaron nos últimos anos ao catálogo. Desde hai tempo, políticos, xuíces, banqueiros e deportistas fixéronse tamén un oco nunha escenografía que, a forza de ser repetida, acabou converténdose en natural.

A vida política é, polo interese que suscita na cidadanía, un dos escenarios privilexiados para estas actuacións. Sabedores de tal expectación, rexementos de asesores coidan até o detalle máis superfluo do vestiario, do peiteado ou da xestualidade até converteren os líderes políticos en actores e anularen a súa espontaneidade. Os debates políticos, que están a acadar nos ámbitos galego e español altísimas cotas de audiencia televisiva son un claro exemplo de como a excesiva suxeición a un guión pode acabar estragando o resultado. As acoutacións do texto non conseguen as máis das veces agachar a súa inconsistencia nin as formas encubriren a devaluación das ideoloxías.

Nos últimos meses unha parte da poboación mundial (aquela que ten acceso á información) segue con interese o complexísimo proceso electoral dos Estados Unidos. A cobertura informativa fixo del un verdadeiro espectáculo mundial, que lle gañou espazo a noticias próximas que afectaban ben seguro de maneira máis directa á nosa economía, educación ou benestar. A monstruosa maquinaria propagandística da política americana, os estudados movementos dos seus principais actores e, cómpre non esquecelo, o papel que segue a desempeñar o país na economía e a política mundiais fan volver os ollos cara a este grande espectáculo mundial que está próximo a se resolver.

Non obstante, o teatro non é sempre traxedia, loa nin soliloquio. A comedia instalouse tamén nas escenificacións electorais. Neste caso, os líderes políticos non son actores senón obxectos da parodia, como a que fixo recentemente Tina Fey da aspirante republicana á vicepresidencia, Sarah Palin, que acadou un éxito clamoroso tanto no programa televisivo Saturday Night Live como na popular plataforma YouTube. Tal parodia, que ten a súa versión máis sexista na cinta porno que acaba de ser anunciada estes días, forma tamén parte dese gran espectáculo do mundo que é hoxe a vida política, a dos Estados Unidos de América ou a do noso propio país, ao que asistimos —cómpre non esquecelo— en calidade de simples espectadores.

O gran teatro do mundo
Comentarios