O Gebreselassie imaxinario

Recoñezo que en ocasións me atrevo a vestirme de curto para darlle un castigo ao corpo. A miña muller di que realmente mirar para min botando o fígado rúa adiante é un castigo para a vista. Non pasa nada, trátase dunha terapia antiestrés moi efectiva e da que estou sacando partido neste outono tan benigno.

A cuestión é percorrer unha ducia de quilómetros cun ritmo levadeiro para sufrir o mínimo nas pernas e manter a lucidez na cabeza. Hai catro anos decidira participar na Carreira Pedestre de Santiago. Unha experiencia fermosa, unha festa do deporte onde o sufrimento se mistura coa ovación dos viandantes que se agolpan nas beirarrúas. Por uns instantes mesmo te cres un tipo importante, un Gebreselassie imaxinario. Aquela emoción, aquela adrenalina por manter unha loita sa comigo mesmo, foise abaixo na ascensión por Vite. No medio dun esforzo sobrehumano, notei como unha muller que sobrepasaba os 60 me superaba con extrema facilidade. O seu ritmo era tan superior que nin sequera me atrevín a seguila. Era inútil.

Aquela imaxe, rodeado de xente, foi un golpe baixo durísimo que non souben asimilar. Daquela
pareime e boteime a un lado. O Gebreselassie imaxinario deume unha patada nos fuciños. Lembro que marchei para a casa pensando na fortaleza daquela muller. Unha muller biónica, ao igual que Amber Miller, a embarazada de 39 semanas que hai unha semana completou o maratón de Chicago. Entrando en meta notou as primeras contraccións e ao día seguinte deu a luz o seu meniño.

A miña muller di que “a fazaña é innegable pero está tola perdida”. Miller completou esta xesta con 27 anos e un neno a punto de nacer. A súa ousadía só atopa competencia no indio Fauja
Singh. Un ancián de 100 anos que antonte conseguiu completar o maratón de Toronto nun exercicio sublime de autoconfianza. Levoulle algo máis de 8 horas pero chegou, establecendo un novo rexistro. Fauja bicou a meta cando a organización xa desmantelara a chegada. Qué falta de tacto. A mesma descortesía que tivera a sexaxenaria comigo. ¡Mira que adiantarme na subida a Vite!

Persoas e historias como estas engrandecen o deporte e danlle sentido á célebre frase do poeta Ralph Emerson: “A confianza en si mesmo é o primeiro segredo do éxito”. Xa saben, confianza ante todo e non desacouguen. O máis probable é que apareza algún Gebreselassie imaxinario para mandar todo ao carallo.

Comentarios