O gato de Cheshire

EN marzo de 2008, despois de coñecidos os resultados das eleccións xerais que daquela se celebraran e debido, probablemente, ao rebumbio da campaña, os bailes de cifras daquela noite, as declaracións previas -e tamén as posteriores- ao reconto de votos e mais as mudanzas de dirección nas análises de tertulianos e politicólogos viñérame a min á cabeza unha pasaxe de ‘As aventuras de Alicia no País das Marabillas’, aquela na que o Dodo argalla unha desconcertante ‘carreira en comité’ na que todos gañan, cada quen ao seu xeito, e todos andan despois á procura do seu trofeo sen pararse a pensar se son ou non en verdade merecentes, pasaxe que reflectín neste mesmo espazo e que, aproveitando que o Miño pasa polo Anguieiro, titulei ‘Wonderland?’, con interrogante, claro.

Agora, cando estou a redactar isto, é sábado -esa que chaman xornada de reflexión, véspera do día das eleccións- e, naturalmente, até domingo á noite non se coñecerán oficialmente os resultados da consulta, pero como, ao parecer, xa hai unha chea de tempo que de todos é sabido o que vai pasar, vólveme á cabeza a Alicia de Lewis Carroll, desta vez ‘do outro lado do espello’, acompañando á Raíña branca do xadrez quen, como o avisado lector lembrará, ‘vive marcha atrás’ polo que do que mellor se acorda sempre é do que aínda está por acontecer e imaxino a quen pensou que chegara comprobando que onde en realidade está é no punto de partida. E outra vez Alicia:

«-Michiño de Cheshire, poderíasme indicar, por favor, que camiño hei seguir agora que estou aquí?

-Iso depende en moita medida de a onde queiras chegar -contestou o Gato.

-A min non me importa demasiado onde poida chegar... -comezou a explicar Alicia.

-Sendo así, tanto ten cara onde vaias -interrompeu o Gato.

-...sempre que consiga chegar a algures -rematou a nena.

-Oh!, sempre chegarás a algures -dixo o Gato de Cheshire- se es quen de camiñar abondo!»,

(Carrol, Lewis, As aventuras de ‘Alicia no País das Marabillas’. Cap. VI)

Pois ben, tamén desta volta o xogo consiste en establecer as correspondencias pertinentes pero tendo moito en conta que, sexa cal sexa o camiño escollido, o máis seguro é que se acabe batendo de fociños co naipe da iracunda Raíña de corazóns.

(E por que nestes casos un servidor vai caer sempre pola tobeira do coello branco de ollos rosados?) 

Comentarios