O gasto sanitario

A ministra Trinidad Jiménez ven de lle propór aos Gobernos das nacionalidades e rexións a redución en 1.500 M€ do gasto sanitario a medio da redución do gasto farmacéutico. Supostamente só se mercarían os fármacos máis baratos, logo da demostración da súa eficacia. En principio, desbótanse medidas como a implantación do copagamento da asistencia médica pública por parte dos doentes e máis a redución salarial ao persoal sanitario.

A sanidade gratuíta e universal é unha conquista esencial do Estado do Benestar e cómpre defendela con intelixencia e convicción. Asemade, trátase dunha conquista que case ninguén está disposto a renunciar ou a transixir doadamente coa súa limitación substantiva. Europa diferénciase básicamente dos Estados Unidos neste sentido e os europeos avaliamos moi favorabelmente o noso dereito universal á asistencia sanitaria gratuíta. E o parámetro fundamental para avaliala positivamente é a aposta maioritaria que mesmo os sectores sociais máis abastados fan pola sanidade pública cando padecen as doenzas máis graves.

Claro é que o sistema está a sofrir tensións. A primeira é a pouca incidencia da merca de xenéricos, o que fai medrar substancialmente a factura farmacéutica. Porque ten sido tradicional o peso das patronais farmacéuticas no SERGAS e nos sistemas sanitarios español e europeos a prol desta tensión alcista do gasto. É evidente que a aposta polo xenérico sería fundamental para reducir o gasto, mais saiban que imos bater cos 'lobbys' máis potentes do mundo: a industria farmacéutica.

Por outra banda, ao medrar a esperanza de vida a tensión sobre a rede asistencial é cada ano máis evidente. E tradúcese nun grave incremento das lístas de agarda e na peor asistencia, malia que o persoal sanitario do SERGAS constitúe, por regra xeral, un exemplo de profesionalidade e de traballo intenso en condicións desavantaxosas, como ben sabemos todos os que temos u tivemos seres queridos que  usan decote hospitais e centros de saúde. Verdadeiramente, hoxendía non se albisca como compatibilizar este enorme esforzo dos profesionais sanitarios cunha rebaixa das súas remuneracións.

De calquera xeito, existen operadores empresariais, máis aló da industria farmacéutica, que ven negocio nunha limitación ou redución da cobertura pública e universal da saúde. O que quere dicir que vostede e máis eu temos de estar alerta, porque é sabido que a Historia non sempre evolúe a mellor, senón que ás veces é cíclica ou mesmo recúa.

Comentarios