''El gallego está en un momento difícil para su supervivencia''

O escritor e académico Darío Xohán Cabana, natural de Roás, en Cospeito, participou nas Pontes nunha conferencia sobre Uxío Novoneyra, a quen se lle adican este ano as Letras Galegas. «Como se fora un cantante de rock saíronme doce actos», di entre bromas en referencia ó programa no que participa, antes de comezar a falar, con sorriso amable, acerca das verbas de Novoneyra e das súas propias.

PREGUNTA: Como xurde a idea deste ciclo de conferencias?
RESPOSTA: Están dentro do programa Letras Vivas, da Consellería de Cultura en combinación con outros axentes. Coñezo ben a obra de Novoneyra e teño algo de participación en que se lle adicara o Día das Letras Galegas e ocorréuseme. É unha conferencia recitada da obra e do significado dun dos grandes poetas da nosa literatura.

P: Era hora xa dun recoñecemento a Novoneyra?
R: Dáselle o máis axiña que é posible segundo os estatutos da RAG, porque ten que levar dez anos morto e este é o primeiro ano no que se lle podía dar esta homenaxe.

P: Que destacaría do poeta?
R: Que é un gran poeta. A súa poesía é de vangarda, aparentemente popular, aínda que non, e dun carácter moi xestual e moi á medida da súa voz, porque é inimitable.

P: Dende 2006 é académico da RAG. Cre que o galego corre perigo?
R: Si. O galego está nun momento difícil para a súa supervivencia. Un momento de degradación da súa presenza oral e a política da actual Xunta non é precisamente favorable á súa consolidación e pervivencia. A posición da academia é unánime.

P: Que pode facer a RAG por cambiar este futuro incerto?
R: Moi pouco. A RAG ten un poder simbólico moi grande pero non legal dispositivo. Pode fixar posicións, que son asumidas por as capas do pobo galego máis conscientes, que serven de bandeira para as persoas favorables á lingua.

P: Cre que o decreto do galego entrará nas aulas?
R: Non o podo afirmar. Teñen a pretensión de aprobalo, pero non sei como vai ser o futuro. Con decreto ou sen el, a reivindicación do galego na escola é anterior á morte de Franco. E agora intentabamos dar outro paso, o da igualdade. O decreto anterior era moi satisfactorio e moi útil para a consolidación da lingua. O actual non o é. E unha lingua coma o galego necesita apoio.

P: Considérao entón un paso atrás?
R: É o primeiro paso atrás dende a morte de Franco, dende o punto de vista lexislativo. Cando unha lingua está en inferioridade, e un exemplo é que nos medios de comunicación o galego non chega ó 10%, eso hai que contrarrestalo con algo, e ahí entra o ensino.

P: Gran defensor da cultura galega, recibiu deceas de premios, tanto ás súas obras como á súa persoa. Como valora os recoñecementos?
R: Son unha satisfacción. Recibo máis do que dou e hai unha fracción importante do noso pobo que quere ós escritores, e, fóra vanidades, quérenme ben. E eso faime moi feliz.

P: Hai uns anos propuxérono como cronista oficial de Lugo (onde reside e traballa). Vese como tal?
R: A verdade é que non me interesa moito. O de cronista é unha figura do pasado que tiña sentido antes, como con Álvarez Blázquez en Vigo porque a historia estaba atrasada, pero hoxe haina de moita altura. Pola miña cidade xa traballo, son funcionario no Concello coordinador de publicacións. E se se quere un, que parece que queren pero non queren, hai moitos outros como Paco Martín ou historiadores cunha obra importante.

P: A súa traxectoria literaria é longa e variada. Escribiu poesía, narrativa, para público infantil… En cal se sinte máis cómodo?
R: Síntome cómodo e incómodo en todo. Todo costa traballo e dá satisfaccións. Igual que as traduccións, que tamén realizo.

P: Cal é o obxectivo, dar a coñecer obras de carácter internacional ou darlle máis peso ó galego?
R: Dar a coñecer as obras é importante e eu traduzo porque me gustan, pero tamén porque quero enriquecer a lingua. Para traducir a Petrarca casi tiven que inventar un galego. A lingua estírase, enriquécese e faise máis flexible.

P: Está a traballar nalgunha obra?
R: Estou rematando unha antoloxía de 180 poemas da poesía medieval occitana dos grandes trovadores.

P: Sairá pronto?
R: Eso espero. Pero unha cousa é facela e outra publicala, que pode resultar difícil.

P: E despois, que é peor, contentar ó público ou ós críticos?
R: Contentarse un e unha ducia de amigos dende o punto de vista persoal chega. Non me poido queixar do tratamento dos críticos, que ás veces me louvaron con exceso, e tampouco da do público, xa que algunas obras tiveron un éxito que aínda me sorprende hoxe.

P: Como valora a literatura galega actual?
R: Hai unha ducia longa de extraordinarios poetas vellos, novos e medianos e máis de media ducia de narradores extraordinarios. A poesía galega hoxe é probablemente a mellor da das Españas, incluindo a Portugal.

P: Segue a costar saltar fronteiras?
R: O máis importante para os escritores galegos, ó menos para min, é o que acontece aquí. Escribimos para a nosa xente. Despois, se a cousa vai para fóra como é o caso de Manuel Rivas pois moito ben.

P: E as novas xeracións, chegan pisando forte? Hai calidade?
R: Mellor que Ferrín e Cid Cabido non hai nada, pero hai xentes novas que escriben soberbiamente ben. Na poesía sobre todo e os homes imos ter que pedir a cuota do 50% porque estamos perdendo (risas). Hai moitas mulleres nos últimos anos. E na narrativa comeza a notarse tamén. 

P: É a rede un perigo para os libros tradicionais?
R: Uso moito a rede pero o libro éche como unha culler, seguen sendo iguais que no Antigo Exipto. Poden cambiar o material (de madeira, aluminio…) pero non a forma. A culler serve para comer o caldo e é a mesma e se a intentan cambiar non funciona. O libro é igual. E desde que a imprenta chegou é insubstituíble.

P: Publicaría en dixital?
R: Se non me queda máis remedio si. Lin algún e como material auxiliar vale, pero para min un libro non o é mentras que non está impreso. Se non, non o remoio ben. E o problema que vai ter o dixital é o paso dos anos. O meu ordenador xa non le un disquete, pero poido ler as Cantigas de Alfonso X, e teñen 800 anos.

P: É un deses escritores que deu A Chaira. Hai unha identidade especial nela ou está mitificada?
R: A Chaira ten algo moi especial, Manuel María, que inventou unha patria poética e foi mestre de poetas que apareceron en pouco tempo coma Rábade Paredes, Margarita Ledo ou eu… Pero é unha casualidade, nada máis. Xa os había antes tamén, como Crecente Vega ou Iglesia Alvariño. Invéntase un mito e funciona, pero A Chaira non ten nada e ten todo especial, porque cada comarca, cada aldea é diferente. Na Terra Chá danse moi ben as patacas, pero os poetas como noutro sitio (ríe).

P: Que significou na súa vida Manuel María?
R: O meu mestre principal, o meu primeiro editor, non coma meu pai, pero si meu irmán maior. Os defectos de Manuel María eran encantadores e as súas virtudes incribles. Foi un dos grandes poetas da nosa literatura, da estirpe dos grandes como Novoneyra, Ferrín, Manuel Antonio, Cunqueiro, Rosalía e Pondal.

P: Apaixoado polos mitos artúricos defende que non son cousa do pasado senón do futuro…
R: A materia da Bretaña é do máis fermoso da Idade Media, que tivo cousas escuras (Carlo Magno mataba saxóns pero matou máis Hitler) pero tamén marabillosas. A lírica e a materia da Bretaña é algo máxico, perfectamente actual, que segue tocando o corazón. E os que somos republicanos non temos problemas cos reis. 

P: Deixou a política a un lado?
R: En 1968 entrei na UPG, deixei o partido e non milito de forma orgánica pero son nacionalista de esquerda, porque non entendo outro nacionalismo.

Comentarios