O futuro será chinés

A potencialidade chinesa evoca sempre a mesma cita gastada: “Cando China esperte... o mundo tremerá”. A frase atribúeselle a Napoleón sen moito criterio, confiando en que calquera sentencia soa verosímil na súa voz, pero seica o verdadeiro autor é François-René de Chateaubriand. A xente prendeu no conto, e non falta quen recupere esta cita a cotío, comezando polos mediocres articulistas de prensa.

Unha vez atopei na biblioteca familiar dun amigo un libro con ese mesmo título. Na capa aparecía unha fotografía dun cativo chinés na escola. Por riba, ben grande, “Cando China esperte... o mundo tremerá”. Impactante. Seiscentas páxinas de divulgación político-económica asinadas por Alain Peyrefitte, un político francés que ocupou distintos ministerios baixo as presidencias de De Gaulle, de Pompidou e tamén de Giscard d’Estaing. O libro publicouse en 1973, nos últimos anos da Revolución Cultural, apenas un ano despois da primeira visita dun presidente estadounidense á República Popular.

O pulso entre China e Occidente: as trampas estadounidenses
Coa visita de Richard Nixon a Mao Zedong comeza unha complexa relación de amizade e rivalidade entre estados da que cada un tenta tirar o seu propio proveito. Dunha banda, a Casa Branca tiña claro que para manter a hexemonía estadounidense era preciso ralentizar o desenvolvemento chinés. Doutra, no Partido Comunista Chinés eran conscientes de que aínda precisaban varias décadas para consolidar o seu “poder brando”, antes de poder enfrontarse ao “poder duro” dos ianques.

Mao Zedong, con todas as súas virtudes, non é que fose un bo xestor económico, polo que o verdadeiro salto cara adiante da República Popular Chinesa tería que agardar por Deng Xiaoping. Dende 1979 o seu PIB medra a un ritmo medio do 9,5% anual, de xeito que agora a economía chinesa xa é a cuarta do mundo, só por detrás da estadounidense, da xaponesa e da alemana, estando xa moi preto de superar a esta última. A súa progresión está sendo inmellorábel, mais aínda precisan tempo para completar o seu desenvolvemento.Por iso aos propios chineses, por moitos cartos que adiquen aos orzamentos militares, non lles interesa caer nunha retórica belicista que podería estragar os seus tratos con medio mundo.

A lexitimidade do Partido Comunista Chinés, unha vez baleiro de ideoloxía, baséase na prosperidade económica. Unha crise económica botaríao do poder, e por iso os seus burócratas son os primeiros interesados en manter o ritmo de crecemento. A mínima ralentización podería ser a súa fin.

Estados Unidos tamén fixo estes cálculos e adícase a poñer toda caste de obstáculos para frear o desenvolvemento chinés. En primeiro lugar, provoca ao réxime coas súas esixencias. Non é que realmente lles importe moito a liberdade de expresión en China ou a democratización de Corea do Norte, pero a insistencia nestes temas sérvelles para desestabilizar o partido e a rexión. Se Corea do Norte non desactiva o seu programa nuclear, a presenza estadounidense seguirá facéndose necesaria para garantir a seguridade. Logo, non é que aos falcóns do pentágono lles moleste tanto Kim Jong-il.

Outra ferramenta da que botan man son as fontes de enerxía. O acceso a recursos como os hidrocarburos determina a velocidade do crecemento. Polo tanto, quen controle as redes de aprovisionamento controlará tamén o desenvolvemento dos países que dependan delas. Iso explica o esforzo desproporcionado que está asumindo Estados Unidos para consolidar o seu dominio efectivo sobre o Gran Oriente Medio. Unha das ideas que está no trasfondo das guerras de Iraq e de Afganistán é o control dos hidrocarburos do Golfo Pérsico e de Asia Central, de xeito que sexan os estadounidenses quen os administren nun futuro, evitando que se dirixan a China.

Pragmantismo chinés
Os chineses tentan non caer nestas trampas. Eles siguen ao seu. Un dos paradigmas que guía a súa política exterior non é a hexemonía, un concepto occidental, senón a procura dunha harmonía entre estados na que China ocupe o lugar central. A diferenza con Occidente é que esa harmonía (hé, en chinés) non ten porqué ser homoxenizadora.
Segundo o discurso oficial do partido, o dereito humano máis importante é o dereito ao desenvolmento, e todos os demais deben subordinarse a el.

Tanto ten a corrupción e o autoritarismo dos gobernantes, propios ou alleos, se iso axuda a acadar a prosperidade. Eles aceptan todas as imperfeccións, sempre que lles leven polo bo camiño. Así é que, fronte o fracaso da democracia liberal en África e en Oriente Medio, os chineses ofrecen outra vía para chegar á modernidade indiferente á cosmética política. Neste mapa mental de prioridades, os dereitos políticos son secundarios.

Disque o futuro será chinés. Leva sendo trinta anos, dende o libro de Peyrefitte. Douscentos anos, dende a cita de Chateaubriand. E seguirá sendo un futuro hipotético ate que os chineses cumpran os seus obxectivos definitivos: recuperar o seu mercado doméstico e acadar (xunto coa India) a metade do PIB mundial, tendo en conta que en 2050 estes dous macroestados terán a metade da poboación mundial. O conto da leiteira en versión da economía global. Non lles vai resultar nada doado, tendo en conta que a Unión Europea ten agora mesmo o 40% desa riqueza e Estados Unidos o 30%. Emoción garantida nesta loita a longo prazo.

Comentarios