O futuro do traballo: dilemas e alternativas

ESTE É o título co que arrincan as xornadas de filosofía que o grupo Doxa realiza este novembro de 2013, por segundo ano consecutivo. Guiounos o mesmo espírito e a mesma intención que nas primeiras: sacar á luz, levar á rúa a filosofía. Desvelar o seu carácter crítico e radical para que nos axude a analizar e entender a realidade, na que os cidadáns e cidadás do común nos atopamos.

O futuro do traballo, no contexto actual de crise sistémica na que nos vemos inmersos, parecíanos un tema non só adecuado, senón de urxente debate.

Debate que nos fai cuestionar quen somos e onde nos situamos. Durante xeracións o traballo definiunos, xa sexa como explotados, explotadores ou como seres activos que se realizan na tarefa diaria. En cambio, hoxe en día, froito da correlación de forzas que se inclina cara ao lado dos máis poderosos, o cidadán, o home, a muller, os seres humanos atopámonos indefensos ante unha agresión tan brutal que a maioria quedamos desamparados, sen saber como definirnos: traballador precario, traballadora temporal, temporal precario, parado, excluído social. Pero como todo isto vai máis aló dun mero exercicio retórico e a realidade golpea as nosas portas mostrándonos familias con todos os seus membros en paro; persoas que pasan do status de triunfadores a facer cola diante dun albergue para poder conseguir produtos de primeira necesidade; nenos, nenas, adolescentes que só fan unha comida ao día en pleno desenvolvemento físico e psíquico; ante isto o grupo Doxa non só cre necesario falar, debater, expoñer ideas, senón facelo coa mesma intención primeira que animou a este grupo: non só quedarnos no debate, senón que froito deste xurdan as alternativas que nos sitúen ante a realidade, cando menos, dun xeito consciente.

Para debater sobre esta problemática o primeiro día, xoves 7 de novembro, ás seis e media da tarde, contaremos coa presenza de Antón Baamonde, escritor e filósofo, que co título de ‘Galicia no contexto da crise’ situaranos nesa crise que abordela tamén a nosa terra. Análise que nos levará por esas crises que se van sucedendo: a do mundo financeiro, a institucional,a do euro, a de valores... E cunha pregunta aberta pegada á nosa conciencia: sairemos destas crises?, a que prezo?, en que condicións?

A continuación, o catedrático emérito de Socioloxía na USC Juan Luís Pintos analizará a realidade a través dos imaxinarios sociais. Estes imaxinarios sociais que noutras épocas eran construídos polas igrexas, estados, mercados..., e foron os que nos fixeron entender, vivir e crer «o que era o traballo». Do mesmo xeito, hoxe en día dáse a mesma construción que se trasmite a través dos medios masivos. Na actualidade esa construción é menos monolítica e os seus imaxinarios, máis plurais e complexos. A través da súa análise poderemos desentrañar as distintas lecturas sobre o traballo e así nolo expoñerá Juan Luís Pintos na súa charla ‘Imaxinarios sociais do traballo’.

O venres día 8, as charlas centraranse, a primeira hora, en ‘O futuro do dereito do traballo como instrumento para a igualdade’, a cargo da presidenta do Consello Consultivo de Galicia e maxistrada do TSXG, Teresa Conde Pumpido. Desde unha perspectiva feminista, introdúcese a voz dunha muller para situarnos no terreo da igualdade formal ou a igualdade real. Nunha desregulación total do mercado laboral a gran pregunta que nos queda por facer é a pervivencia dos dereitos da muller pola igualdade a nivel económico e laboral. Foi un soño a igualdade real neste campo?

Xa entrada a tarde noite, o profesor de filosofía na Universidade Complutense Carlos Fernández Liria analizará dunha forma radical, baixo o título ‘A era do post raballo?’, a situación de miles de traballadores que xa non se diferencian dos parados, obrigados a chamarse a si mesmos emprendedores nun exercicio perverso do propio sistema, que os culpabiliza por non traballar ao mesmo tempo que os expulsa do mercado laboral. Ante todo isto, o noso ponente defenderá a vella idea de Lafarge: o comunismo é o dereito á preguiza da humanidade.

O grupo Doxa invita a Lugo e á súa cidadanía a que acudan á Ágora: a dialogar, polemizar e compartir ideas. Este espazo de debate na nosa cidade materialízase no salón de actos da Deputación, os días 7 e 8 de novembro.

Comentarios