FICHA TÉCNICA

Funcionario de seguros (II)

O home que ama e fuxe do ser amado. E no medio da treboada xorde o lóstrego da creación: o ata entón fragmentario Kafka logra pechar varias historias denantes de que o lector se atope ante Gregor Samsa...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SE A CARTA AO PAI era o centro do primeiro libro da biografía de Kafka composta titanicamente por Reiner Stach, as Cartas a Felice son o material do segundo ata que topamos coas súas dúas obras maiores, A transformación —mal traducida no mundo hispánico como A metamorfose— e O proceso.  

Para o lector non é difícil comezar identificándose co seu personaxe, que se ergue co tempo xusto da cama, almorza a toda velocidade, bótase á rúa, atravesa a porta dunha oficina calquera e ficha quince minutos despois do debido. E aí remata a capacidade de empatía con ese home. A primeira parte de Los años de las decisiones está dedicada á relación que o escritor checo mantivo con Felice Bauer, unha rapaza á que coñeceu na casa dos Brod e coa que prometeu de inmediato emigrar a Palestina, onde comezaban a marchar os xudeus despois dos pogromos de principio do século XX. 

O desconcerto do lector que descoñeza a correspondencia entre estas dúas figuras da historia literaria estará ben xustificado. Para comezar, como é sabido, trátase dunha relación epistolar en forma de monólogo: Kafka queimou as cartas de Felice e apenas coñecemos as respostas dela ás súas reflexións. Para seguir, o lector vese mergullado nunha desas "amizades perigosas" que xa desapareceron ao esmorecer a carta como medio de comunicación. En terceiro lugar, atopamos os usos e costumes dun noivado do mundo xermánico do século XX no que, paradoxalmente para nós, o contacto físico entre os amantes ou prometidos nin sequera era preciso. Felice Bauer estivo prometida con Kafka sen pasar con el máis ca uns poucos días nun lapso de tres anos.

Pero, por riba de todo, nas cartas do escritor atopamos unha personalidade convulsa, insegura, fatalista e dual. O home que ama e fuxe do ser amado. E no medio da treboada xorde o lóstrego da creación: o ata entón fragmentario Kafka logra pechar varias historias denantes de que o lector se atope ante Gregor Samsa, convertido en escaravello unha mañá calquera e rexeitado por todos. De novo Reiner Stach fai un traballo magnífico á hora de presentar a historia, conectala coa biografía do autor ata en detalles nimios e, non obstante, fuxir dunha interpretación abafante que conectaría univocamente a Samsa con Kafka.

Dunha fonte distinta semella xurdir O proceso dentro do fío vital kafkiano. É a paréntese do redactor de informes e especialista en tribunais que coñece a maquinaria austrohúngara ata o punto de prever as traxedias do século XX. Nin Stach nin nós podemos reprimir o arrepío... pero o biógrafo volve centrar o foco: o absurdo da burocracia é universal.

Los años del conocimiento, volume que pecha a triloxía, non abandona na súa primeira parte a Felice. Estalou a guerra e os peculiares amantes executan unha danza que rematará pouco despois da Revolución de Outubro coa ruptura e a enfermidade... Para Kafka coñecer é interrogar e agroman nestes intres a súa condición de xudeu, o triunfo literario non consumado e a relación con esa figura tan oposta a Felice Bauer que é Milena Jesenská. A mecanógrafa berlinesa fronte a xornalista checa. Non pode deixar de sorprendernos que cando máis se retrae Kafka e máis se pecha nese "castelo", máis intenso se fai o seu contacto coa exuberante Milena. Ata que aparecen o sufrimento, a tuberculose, a fame e Dora, o derradeiro amor. E despois de 2.246 páxinas esgotadoras e monumentais, deixa un a preciosa cinta de lectura vermella denantes de bibliografías e índices e reflexiona sobre o artista, o intérprete e o lector denantes de pasar a un libro que non sexa extraordinario.

Comentarios